O alumnado do colexio San José interpreta a música máis diversa coas súas mans

297
  • Nenos do centro educativo representan en lingua de signos a canción dos días da semana e o tema ‘Nun Bou’ de Nelson Quinteiro, no marco do programa ‘Manciñas 20Vente-20Vente’
  • O concelleiro Marcos Rey, que asistiu á actuación xunto cos edís Tino Fernández e Yoya Blanco, destaca o carácter innovador dun plan destinado a sensibilizar sobre a diversidade sensorial

Os alumnos do colexio San José de Pontevedra protagonizaron esta mañá na Praza do Teucro unha actuación na que interpretaron con lingua de signos a canción dos días da semana e o tema musical do artista Nelson Quinteiro ‘Nun bou’, no marco do programa municipal inclusivo ‘Manciñas 20Vente-20Vente’. O acto, no parte dos rapaces ‘cantaron’ coas súas mans e os demais fixeron as veces de público ataviados con luvas de cores (con mensaxes reivindicativas), contou coa asistencia do concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, impulsor do proxecto, así como do tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández; a edil de Igualdade, Yoya Blanco e a presidenta da Organización de Persoas con Diversidade Sensorial (Xoga), María Jesús Monterde, así como do propio Nelson Quinteiro, que acompañou á rapazada cantando e bailando.

Esta actuación contou cunha enorme implicación por parte de alumnado de diversos cursos do centro escolar. Así, na primeira actuación, que incluíu unha muiñeira, o alumnado de 4º de Primaria interpretou a canción dos días da semana e o tema ‘Nun bou’ ante os seus compañeiros de 5º e 6º curso. Posteriormente tocoulles a quenda aos de 3º Primaria, que tiveron como espectadores aos de 1º e 2º curso.

Marcos Rey lembrou que o programa ‘Manciñas 20Vente-20Vente’ “foi deseñado co obxectivo de sensibilizar á comunidade educativa de Pontevedra sobre a diversidade sensorial e o emprego da lingua de signos como vehículo de comunicación”. “É importante reseñar o seu carácter interdisciplinar e innovador, xa que se vai construíndo grazas as achegas da comunidade docente, do alumnado e das entidades sociais, entre outras”, explicou o concelleiro socialista.

A iniciativa foi presentada o pasado ano a tódolos centros educativos, acudindo á reunión informativa organizada por Benestar Social unha vintena de representantes de colexios de Infantil e Primaria e mailo Conservatorio Profesional Manuel Quiroga. Tal e como apunta Marcos Rey, “a poboación inicial á que ía dirixido o programa ‘Manciñas 20Vente-20Vente’ foi ao alumnado de 3º e 4º de Primaria, pero houbo peticións dalgúns colexios para poder implementalo tamén en cursos superiores ou inferiores”.

“Unha das solicitudes recibidas procedeu do Coro do IES A Xunqueira I, co que se están a manter contactos para a gravación dunha canción en lingua de signos, o que representará unha oportunidade para empregala en diversos foros. Por outra banda, tamén se recibiron solicitudes de axudas con respecto a alumnado con necesidades específicas relacionadas co ámbito da diversidade sensorial”, subliñou Marcos Rey.

O autor da canción, Nelson Quinteiro, emocionado coa actuación

Na súa actuación desta mañá, os pequenos puideron levarse unha grata sorpresa, ao contar coa visita e a actuación de Nelson Quinteiro, compositor de ‘Nun bou’, pertencente ao quinto clip do disco ‘Músicas de domingo’, realizado co pianista Brais González. O programa ‘Manciñas 20Vente-20Vente’ permite entablar un ‘feedback’ co autor, que consiste en enviar un vídeo onde o alumnado represente o tema en lingua de signos coas contribucións que consideren oportunas, como bailes, coreografías, ou ambientación.

Todos estes vídeos subiranse ao enlace de Manciñas na páxina web do Concello de Pontevedra (www.pontevedra.gal). A día de hoxe, a Concellería de Benestar Social recibiu solicitudes de envío de 3 centros, agardándose que se produzan novos envíos paulatinamente.