Deportes condiciona a reapertura das instalacións deportivas para Alevíns, Benxamíns e Prebenxamíns á existencia dun calendario oficial da RFGF

146
  • Tino Fernández lembra que o Concello xa dispón desde o pasado 26 de xaneiro dun protocolo que permite os adestramentos e competicións para as categorías Infantil, Cadete e Xuvenil
  • O tenente de alcalde avanza que, dada a redución de horas que supuxo o toque de queda, “serán os propios clubs os que teñan decidir a que categorías priorizan para adestrar”

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, constatou esta mañá, trala celebración da Xunta de Goberno Local, que o Concello de Pontevedra “manterá pechadas as instalacións socioculturais mentres a incidencia non diminúa significativamente, e valorará a súa reapertura unha vez que se sitúe por debaixo dos 50 casos por cada 100.000 habitantes”. O edil socialista explicou que “as instalacións deportivas municipais xa están abertas para adestramentos e competicións das categorías Infantil, Cadete e Xuvenil” e condicionou a reapertura das mesmas para Alevíns, Benxamíns e Prebenxamíns á presentación dun calendario oficial fixado pola Real Federación Galega de Fútbol (RFGF). 

O concelleiro de Deportes lembrou que o departamento que dirixe aprobou o pasado 26 de xaneiro un protocolo “que non puido entrar en vigor ante a complicación da situación sanitaria e o establecemento de restricións máis rigorosas por parte da Xunta, e no que se establecía a posibilidade de abrir as instalacións para adestramentos e competicións de categorías Infantil, Cadete e Xuvenil”. “A raíz da mellora das circunstancias, ese protocolo atópase activado e, polo tanto, xa poden adestrar e xogar os rapaces desas categorías. A RFGF abriu un proceso de prospección sobre a posibilidade de abrir as categorías Alevín, Benxamín e Prebenxamín. No caso de que adopten a decisión de establecer un calendario de competición para esas categorías, evidentemente nós, aínda que non nos guste, imos abrir as instalacións”, asegurou Fernández.

Non obstante, o viceportavoz do Goberno Local pediulle á RFGF “que actúe con sensatez, o pense ben e reflexione sobre o que iso supón: a posibilidade de que nenos de 4, 5 e 6 anos poidan ir facer deporte implica que ‘impepinablemente’ os seus pais tamén teñan que ir e, polo tanto, un perigo potencial que nós tratariamos de minimizar e que lle solicitamos á Federación que considere dadas as datas nas que estamos”.

A hora de peche normal adiántase dúas horas

Asemade, Tino Fernández avanzoulles aos responsables dos equipos que “haberá un problema de horarios” e que “serán os clubs os que teñan que decidir se esas categorías adestran ou non”, porque “convivimos cunha limitación que é o toque de queda ás 22:00 horas e que obriga a pechar as instalacións ás 21:30 horas, cando en circunstancias normais pecharían entre as 23:30 e as 00:00 horas”. 

“Isto supón que os equipos que estaban adestrando de 21:30 a 23:30 horas, agora o fan de 19:30 a 21:30 horas, e os que adestraban de 19:30 a 21:30 horas, agora adestran de 17:30 a 19:30 horas. O espazo de tempo é o que é, polo que serán os clubs que teñen un lote horario os que decidan se adestran aos Xuvenís, aos Benxamíns ou aos Infantís. Nós daremos tódalas facilidades posibles e estableceremos tódolos protocolos necesarios, pero o toque de queda é o que é e non podemos dar máis horas das que estamos a dar”, subliñou o concelleiro.