O Concello simplifica os criterios de acceso ás axudas para ordenadores do Supera 21 co obxectivo de ampliar o abano de familias beneficiarias

216
  • O tenente de alcalde, Tino Fernández, explica que, tralos encontros coas Anpa e a Fanpa, decidiuse que os requisitos económicos se establezan en función do número de fillos da unidade familiar
  • Para unha familia cun fillo o importe máximo anual será a cantidade resultante de multiplicar por tres o SMI, se os fillos son dous, por 3,25, se son tres, por 3,55, e se son catro ou máis, por 3,75

O tenente de alcalde e viceportavoz do Goberno Local, Tino Fernández, informou esta mañá de que os servizos técnicos do Concello teñen xa redactadas as bases que rexerán o procedemento de adxudicación das axudas do Plan Supera 21 para a adquisición de equipos informáticos, polo que “ao longo desta semana se irán recabando os informes pertinentes, co obxectivo de que, se dá tempo, se poidan aprobar na vindeira Xunta de Goberno e, en todo caso, neste mes”. Fernández avanzou que, tras consultar coas Anpa e coa Fanpa, este borrador presenta, como principal novidade en relación ao que se presentou inicialmente, “unha modificación do apartado de requisitos económicos para poder acceder ás subvencións, cambiando o criterio de cálculo dos importes máximos anuais: en principio estaban vinculados ao número de membros da unidade familiar e na nova redacción están vencellados ao número de fillos, con independencia do número total de membros da unidade familiar”.


Así, segundo explicou, “o importe máximo anual para unha familia cun fillo ou filla en idade escolar será a cantidade resultante de multiplicar por tres o Salario Mínimo Interprofesional (SMI), o que abre considerablemente o abano de familias que poden acceder ás axudas”. “Se os fillos ou fillas son dous, o SMI multiplicarase por 3,25, se son tres, por 3,55, e se son catro ou máis, por 3,75. Simplifícase bastante o criterio -sinalou o edil socialista-, melloramos as bases e abrimos a posibilidade de que máis familias poidan acceder a estas axudas”.

Tino Fernández indicou que, a estas alturas, “téñense recibido xa arredor de 150 consultas sobre estas subvencións a través da páxina web do Plan Supera 21, moitas máis a través do teléfono e moitas máis que se nos fan aos concelleiros directamente”, polo que “a previsión é que probablemente se teña que suplementar a achega económica de 400.000 euros destinada a estas axudas”. Tal e como aclarou o tenente de alcalde, “as bases xa recollerán esta posibilidade de incremento, polo que se hai solicitudes de máis de 1.000 familias e temos lista de agarda (o máximo por portátil ou ordenador de sobremesa é de 400 euros), por cartos non vai haber problema”.


Entre os requisitos para acceder ás subvencións inclúense os de que a unidade familiar de convivencia estea empadroada no concello de Pontevedra (o propio servizo xestor da subvención comprobará este requisito); que o solicitante conviva cos alumnos para os que se pide a axuda, e que os rapaces estean matriculados no curso 2020-2021 en Educación Primaria, Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional Básica, Formación Profesional de Grao Medio ou Educación Especial nun centro docente sostido con fondos públicos.

Mercados entre o 14 de marzo de 2020 e o 31 de decembro de 2021
Os ordenadores obxecto de subvención deberán terse mercados despois do 14 de marzo de 2020 e antes do 31 de decembro de 2021, e o prazo de presentación de solicitudes será dun mes dende a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
As solicitudes tramitaranse en réxime de concorrencia competitiva e a concesión das subvencións realizarase mediante a comparación das solicitudes presentadas a fin de establecer unha prelación entre as mesmas. A solicitudes poderán presentarse de xeito presencial no Rexistro Xeral do Concello de Pontevedra ou nas oficinas habilitadas especialmente para esta finalidade. Tamén poderá presentarse por medios electrónicos a través do formulario normalizado que se obterá na sede electrónica do Concello (http://sede.pontevedra.gal/).