A Semana Galega de Filosofía recupera o tema da ‘civilización dixital’

21
  • A XXXVII edición terá lugar entre o 5 e o 9 de abril cun programa máis curto que o habitual e, de permitilo a situación sanitaria, combinará a modalidade en liña coa presencial

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o novo presidente da Aula Castelao de Filosofía, Alexandre Cendón, presentaron esta mañá a XXXVII Semana Galega de Filosofía que retoma a temática coa que xa se anunciara o pasado ano: a civilización dixital. A edición deste ano, que se celebrará entre o 5 e o 9 de abril, corresponde á que quedara pendente no 2020 e que fora suspendida por mor da pandemia, pero que este ano se vai celebrar, en palabras do alcalde “de todas todas”.

Na presentación, na que tamén estiveron presentes a concelleira de Cultura, Carme Fouces, e a anterior presidenta da Aula Castelao, Ana Regueira, o alcalde fixo fincapé “na satisfacción de que se volva celebrar porque para nós a Semana Galega de Filosofía é un evento importante que posiciona a cidade de Pontevedra como líder do pensamento durante unha semana”. Neste sentido, agradeceu “o traballo de todos os membros da directiva e presidentes anteriores porque sabemos que fan un esforzo inmenso para ter unha semana de debate e con visións múltiples sobe o tema que se escolle para reflexionar”.

Sobre a temática da ‘civilización dixital’ tanto Miguel Anxo Fernández Lores como Alexandre Cendón coincidiron en que “é un tema de plena vixencia tras a aparición da pandemia”. O presidente da Aula Castelao indicou que “todo o referente ao mundo dixital tomou moito pulo, en cuestións como o teletraballo e as comunicacións a distancia e todo o que isto conleva”.

Alexandre Cendón explicou que, aínda que se recortou o programa, se mantivo a idea de convidar a unha serie de relatores e relatoras “que nos van axudar a reflexionar e a botar un pouco de luz sobre este mundo e como estamos a reaccionar, e a tratalo desde diferentes ámbitos”.  Sobre o programa informou que se eliminaron os relatorios da última hora da tarde e se priorizaron relatores e relatoras de ámbito galego, para evitar problemas de desprazamento. 

Sobre o desenvolvemento da Semana Galega de Filosofía, explicou que está previsto que se celebre de maneira semipresencial no caso de que a situación sanitaria o permita, aínda que se fose preciso tamén teñen prevista a posibilidade de celebrala totalmente en liña. De manterse as actuais restricións sanitarias, os e as relatoras das sesións de mañá intervirán en liña e haberá público presencial no Teatro Principal (segundo o aforo permitido) e tamén público en liña. Pola tarde, as e os relatores intervirán presencialmente e manterase a opción de que o público poida seguir os relatorios desde o Teatro ou telematicamente.

A Aula Castelao fará público o programa da XXXVII Semana Galega de Filosofía dentro de dous días pero Alexandre Cendón xa adiantou que será inaugurada cun relatorio do profesor de economía da Universidade de Vigo, Albino Prada, que abordará a relación do mundo dixital co capitalismo e o neoliberalismo. Ese mesmo día pola tarde, intervirán diferentes relatores para relacionar a civilización dixital co medio ambiente, o consumo enerxético e como o seu impacto se traslado ao territorio e ao país.