Benestar Social propón unha viaxe polos tempos do confinamento a través das mensaxes, cartas, reflexións e conversas das ‘Sénior Poderosas’

19
  • O libro ‘Bitácora dun confinamento’ nace da iniciativa dun grupo de alumnas do Taller de Lóxica Sénior de Kairós e plasma as vivencias de 6 mulleres durante o encerro motivado pola Covid

A Concellería de Benestar Social acaba de publicar, en colaboración co Centro de Desenvolvemento, Aprendizaxe e Atención Integral Kairós, o libro ‘Bitácora dun confinamento’, no que se propón unha viaxe polos tempos da Covid-19 a través das mensaxes, cartas, reflexións e conversas dun grupo de seis mulleres de entre 60 e 85 anos denominado ‘Sénior Poderosas’. A iniciativa de difundir esta sorte de caderno de bitácora daqueles días de encerro provocados pola pandemia xurdiu dun grupo de alumnas do Taller de Lóxica Sénior de Kairós e das conversas de whatsapp que mantiveron durante este período.

O libro foi presentado esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, e algunha as autoras do mesmo: Cristina Bonaque Belizón, Carmen Corbal Ramos, Conchita Rodríguez Prendes, María Teresa Sánchez Ayala, María Sánchez Lareo (mestra do Taller de Lóxica Sénior de Kairós Centro de Desenvolvemento) e Pita Somoza Seoane.  Tal e como subliñou o edil socialista, “nunha época de confinamento, na que a nosa liberdade se viu limitada debido á pandemia provocada pola Covid-19, as ‘Sénior Poderosas’ comezaron a plasmar en papel o seu día a día, as súas preocupacións, os seus medos e inquedanzas”. “As súas integrantes adaptáronse á situación e foron dando forma, case sen percatarse, a este caderno de bitácora. De seguro que aqueles que o lean vanse identificar con moitos dos momentos que nel se reflicten: alegría, tristeza, medo, dúbidas, gañas de gritar, ansias de liberdade e desexo de vivir”, asegurou Marcos Rey.

O concelleiro de Benestar Social afirmou que, cando as súas autoras lle presentaron o bosquexo do libro e lle explicaron a finalidade para a que querían editalo, sentiuse namorado “da forza e da alegría” que lograron transmitirlle. “As ‘Sénior Poderosas’ non só forman parte dun grupo envexable, no que todas se apoian e se preocupan mutuamente, senón que tamén pensan e se preocupan polos demais”.

Durante o acto de presentación do libro, as autoras leron algúns fragmentos do mesmo e reviviron, entre momentos de emoción, aqueles instantes que se convertiron no xermolo desta publicación. Segundo explicou a mestra do Taller de Lóxica Sénior, María Sánchez Lareo, de 60 anos, “cando se produciu o confinamento e tiveron que pechar o centro, como lles pasou a todos botóusenos o mundo enriba, e había que buscar unha solución: a máis sinxela foi crear uns grupos de whatsapp (un deles foi o do taller)”.

“A experiencia do día foi moi enriquecedora. Con esta publicación non buscamos gañar o Premio Cervantes nin ningún outro premio literario, senón plasmar a alma de cada unha das mulleres que contribuíron a escribilo. Os textos -salientou Lareo- foron fluíndo dun xeito automático e libre, e cando vin a calidade do que se estaba a producir, pensei que había que gardalo. Elas foron capaces de expresar tódolos seus sentimentos en palabras. Queremos que sirva de exemplo de que, ante calquera situación terrible, como a que vivimos naquel momento e seguimos a vivir, podemos poñer unha risa e un sorriso”.

Campaña de colaboración co Banco de Alimentos de Pontevedra

Sánchez Lareo aproveitou o acto de hoxe para facer público a súa “admiración e homenaxe a este grupo de ‘maiores’ que se puxo o mundo por monteira e que nos fixo rir cada un dos días daquela ingrata experiencia”. Marcos Rey avanzou que as ‘Sénior Poderosas’ porán en marcha unha campaña solidaria de recollida para o Banco de Alimentos de Pontevedra ao longo deste mes, “e tódolos que vaian por alí a colaborar recibirán de balde un dos douscentos exemplares deste libro”.

María Teresa Sánchez Ayala, de 78 anos, rememorou conmovida aqueles días “de imaxes estrañas que chegaban da afastada China”, que viviu como “un tempo de medos e soidades, xunto a un pequeno grupo de mulleres que, preocupadas pola súa avanzada ou mediana idade, se tiñan encontrado para facer unha certa ximnasia de mantemento mental”. “Nese preámbulo primaveral -indicou- chegou de súpeto o monstro do medo, do medo propio e do colectivo, que se fixo grande, enorme, e nos empurrou cara á soidade e incomunicación. Deste xeito froito do nexo das nosas propias soidades e dun chat, foron aparecendo os nosos propios ‘eu’”.

Para Conchita Rodríguez Prendes, de 85 anos, o confinamento significou “un tempo para a reflexión”, que non viu mellor maneira de afrontar que “escribindo un diario”, do que leu unha páxina que “rebela o que eu estaba sentindo naqueles momentos”. Tamén recitou un poema composto co gallo do Día das Letras Galegas Cristina Bonaque Belizón, de 78 anos.