O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a convocatoria das subvencións para as Anpa dos centros educativos mantidos con fondos públicos

71
  • O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, explica que “as Anpa disporán do prazo dun mes, contado a partir de mañá, para presentar as súas solicitudes a estas axudas”
  • As subvencións contan cunha achega económica global de 24.670 euros e permitirán sufragar aquelas accións desenvolvidas no eido educativo durante o curso escolar 2020/2021

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe o extracto da convocatoria de subvencións para Asociacións de Nais e Pais de Alumnos/as (Anpa) de centros educativos de Pontevedra mantidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de primeiro ou segundo ciclo de Infantil e/ou obrigatorias. Segundo explica o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, “as Anpa disporán dun mes, contado a partir de mañá, para presentar as súas solicitudes a estas axudas, que permitirán sufragar as accións desenvolvidas no eido da educación durante o curso escolar 2020/2021 e para as que se destinou unha achega económica de 24.670 euros”.

As bases completas desta convocatoria poden consultarse a través do seguinte enlace da Base de Datos Nacional de Subvencións: https://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/552281. Os anexos a cubrir polas Anpa poderán descargarse na sede electrónica do Concello de Pontevedra, dende a que debe presentarse a solicitude: https://sede.pontevedra.gal/public/catalog/catalog-index.xhtml (o acceso non estará visible ata mañá). A porcentaxe subvencionable polo Concello non poderá exceder do 50% do custo da actividade á que se aplique, establecéndose tres grupos segundo as puntuacións acadadas na baremación e aplicándoselles a cada un deles unha porcentaxe sobre a contía solicitada e un máximo a conceder: 

GrupoPuntuaciónsPorcentaxe do proxecto presentadoMáximo
1Entre 10 e 2030 %800 €
2Entre 20 e 2540 %1500 €
3Entre 25 e 3050 %2.000,00 €

Estas subvencións teñen por obxecto regular o procedemento da concesión de subvencións en réxime de libre concorrencia para fomentar as actividades no eido da educación e tódalas súas facetas que promovan as Anpa e que poidan ser consideradas de interese educativo, como a promoción do deporte, a ocupación do tempo libre ou a promoción da cultura. Non poderán ser destinatarias destas axudas aquelas entidades que non se atopen ao corrente das súas obrigas fiscais co Concello, coas facendas públicas (estatal e autonómica) e coa Seguridade Social, e tamén quedan excluídas da convocatoria aquelas asociacións e entidades que presenten actividades ou programas que veñan regulados noutras convocatorias do Concello de Pontevedra.

Ademais de presentar as correspondentes instancias-solicitudes en tempo e forma na sede electrónica municipal (https://sede.pontevedra.gal/), entre os requisitos que se lles esixen ás Anpa inclúense a utilización do galego e de linguaxe non sexista en toda a documentación, publicacións, cartelería, publicidade e produción escrita de tódalas actividades que vaian ser subvencionadas. No que se refire aos criterios para a concesión de subvencións teranse en conta aspectos como o número de alumnos participantes nas actividades, a porcentaxe de participación e a repercusión e contidos do proxecto: implicación doutras entidades ou asociacións, orixinalidade, posta en valor da cidade, promoción da cultura galega e uso do idioma, uso das tecnoloxías da información e a comunicación, transversalidade, promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero e integración do alumnado con necesidades educativas especiais, inmigrante ou socialmente desfavorecido, entre outras cuestións.