O Concello recomenda evitar o tráfico nas inmediacións do Recinto Feiral durante a mañá do sábado

66
  • Trátase de favorecer a circulación fluída para atender ás 1.700 persoas citadas, entre as 8h e as 15h, para a proba de vacinación masiva do Sergas
  • Estableceranse controis nos accesos ao Recinto Feiral e o aparcadoiro que dá á rúa Alexandre Bóveda quedará reservado só para as persoas citadas para a proba

O Concello de Pontevedra recomenda evitar o tráfico nas inmediacións do Recinto Feiral durante a mañá do sábado, 13 de marzo, co obxecto de favorecer a organización e a circulación fluída para as persoas que están citadas para participar na proba de vacinación masiva do Sergas. Entre as 8h e as 15h está previsto que se acheguen ao Recinto Feiral ao redor de 1.700 persoas, polo que desde o Concello, a través da Policía Local, establecerase un dispositivo especial de control de tráfico na zona para facilitar que a afluencia se realice de xeito ordenado e sen demoras.

Segundo lle comunicaron os responsables do Sergas ao Concello, as persoas citadas recibiron unha mensaxe no móbil que inclúe un código QR e a ligazón coa localización do Recinto Feiral, así como a recomendación de que respecten o horario que se lles asigna e que acudan á cita coa máxima puntualidade, co obxecto de evitar esperas innecesarias ou aglomeracións.

A Policía Local establecerá controis de acceso tanto na rúa Alexandre Bóveda como nas entradas do estacionamento e do propio Recinto Feiral, e só permitirá acceder aos vehículos cuxos condutores ou condutoras presenten o código QR da cita para a proba de vacinación.

Convén lembrar que, por tratarse da mañá dun sábado, a rúa Rafael Areses tamén permanecerá cortada ao tráfico por causa do mercadiño, polo que a recomendación xeral é, na medida do posible, non circular en coche polas inmediacións desta zona.