O I Congreso de Centros Comerciais Abertos e Urbanos tamén mira cara o modelo Pontevedra

12
  • Anabel Gulías explicou a relación da recuperación do espazo público para as persoas e o deseño urbano da cidade co fomento do comercio local

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, participaba esta mañá no I Congreso galego de Centros Comerciais abertos e urbanos de Galiza co obxecto de explicar a relación entre o modelo urbano pontevedrés e o fomento do comercio local. O congreso, organizado polo Centro Comercial Aberto de Arteixo, reuniu durante dúas xornadas a diferentes relatores e relatoras para abordar cuestións relacionadas coa promoción e apoio ao comercio local, como campañas de dinamización, a especialización para o pequeno comercio, incentivos ás vendas ou funcionamento para fortalecer o modelo de centro comercial aberto.

Neste contexto, Pontevedra foi convidada a participar nunha mesa redonda sobre ‘A adaptación das zonas urbanas á vida Covid e post Covid, experiencias dos Concellos’, na que a concelleira de Promoción da Cidade expuxo os parámetros básicos do deseño urbano pontevedrés e en que medida contribúen ao desenvolvemento do comercio na cidade. Na súa interveción salientou a aposta por dispor dun espazo público vivo e accesible para persoas con todo tipo de capacidades que, ao mesmo tempo, actúa como escaparate natural dos establecementos hostaleiros e comerciais. Tamén explicou como a rúa e as prazas da cidade se utilizan como escenario de diversas actividades festivas, culturais e deportivas, co obxecto de contribuír á dinamización económica da actividade comercial. Tamén se referiu á colaboración e diálogo coas asociacións sectoriais da cidade de cara a atender as demandas de competencia municipal e á necesidade de evitar a instalación de grandes superficies comerciais no Concello, favorecendo a permanencia do comercio local.

Anabel Gulías compartiu mesa redonda co ex-presidente da asociación ‘Zona Monumental Pontevedra’, Ernesto Filgueira, e co presidente de Zona Triana, Carlos Bethencourt, presidente de Zona Comercial Abierta Triana.