O Concello pecha de xeito indefinido o paseo do río dos Gafos ao seu paso por Campolongo tras detectarse danos estruturais graves na cuberta

53
  • Eva Villaverde asegura que o valado quedará instalado mentres os servizos técnicos estudan a solución máis viable e rápida para garantir a seguridade dos peóns e reforzar a cuberta da canle
  • O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, explica que “un informe da Oficina Técnica de Arquitectura alerta do elevado risco de derrubamento do túnel en diversos puntos”
  • Puentes asegura que se trata dun peche provisorio e que “a solución definitiva virá da man do proxecto para liberar e renaturalizar o leito do río dos Gafos”

Un informe encargado pola Oficina Técnica de Arquitectura (OTE) do Concello de Pontevedra detectou a existencia de danos estruturais graves en diversos puntos do paseo do río dos Gafos ao seu paso polo barrio de Campolongo. Ante o risco de derrubamento da cuberta, que podería producirse no caso de non adoptar as medidas de seguridade oportunas, as concellerías de Protección Cidadá e de Desenvolvemento Sostible acordaron precintar con valos de xeito indefinido todo o treito que discorre entre a rúa Xeneral Rubín e a Praza da Constitución e en diversos puntos do que vai da igrexa de San José ata a rúa Alcalde Hevia.

O informe elaborado pola firma especializada Refuerza Consultoría Técnica constata que moitas das vigas-caixón de 50 centímetros de grosor que permiten soster a cuberta do Paseo de Valle-Inclán presentan serias patoloxías de deterioración que comprometen a seguridade. A asistencia técnica para a realización deste estudo foi tramitada a raíz dunha visita polo treito soterrado do Gafos organizada polo colectivo Vaipolorío e na que participou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes.

Segundo sinala o edil socialista, que se achegou esta mañá ata Campolongo en compañía da concelleira de Protección Cidadá, Eva Villaverde, para supervisar o operativo de peche perimetral dos treitos afectados, “este ‘roteiro’ polo túnel do Gafos serviu para comprobar o avanzado estado de deterioración das estruturas que sosteñen o paseo”. “Por este motivo, encarguei un primeiro estudo, que confirmou un certo avance da corrosión, pero que en principio non comprometía a seguridade dos peóns, e decidiuse manter unha vixilancia activa anual. Hai tan só unhas semanas fíxose unha segunda revisión, cuxo resultado acendeu xa as luces de alerta: este ano, polo avance natural da deterioración e, en parte, por mor das fortes choivas rexistradas, detectouse que as vigas acumulan moitísima auga e que un bo número delas se atopan comprometidas”, afirmou Puentes.

Eva Vilaverde indicou que o Concello procedeu a instalar valado de protección “en todo o perímetro da canle, nuns 400 metros, garantíndose a mobilidade peonil pola beira, a través dos espazos máis pegados ao muro da canle, e habilitándose dous pasos para cruzar o paseo nun par de zonas que están un pouco máis sas”. Tal e como subliñou, tras esta actuación de urxencia, “os técnicos estudarán que solución resulta tecnicamente máis viable e rápida para garantir esa seguridade e reforzar a cuberta da canle”. “O valado quedará instalado de xeito indefinido -asegurou Villaverde- ata que sexa seguro pasar”. 

O xefe da OTA, Ángel Velando, aclarou que, tras este precinto dos treitos afectados, estudarase “unha solución técnica que permita garantir a seguridade das persoas”. “En calquera caso -matizou o arquitecto- non é posible apuntalar o túnel polo fluxo do leito de auga, xa que en casos de crecida poderían vir troncos que arrincasen os puntais”.

Os alumnos da Crespo Rivas usarán o patio do CEIP Campolongo

Dado que unha das zonas máis afectadas discorre pola parte do paseo que os nenos da EEI Crespo Rivas empregan para acceder ao centro escolar, o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, púxose en contacto cos directores da escola e do CEIP Campolongo, así como co xefe territorial da Consellería de Educación, para buscar unha alternativa de acceso. Segundo apuntou Iván Puentes, que tivo ocasión de falar en persoa sobre o terreo cos directores dos centros e co propio César Pérez Ares, “os pequenos terán a entrada garantida a través de dúas portas que conectan o patio do colexio de Campolongo coa Crespo Rivas”, sinalizándose cunha liña discontinua as diferentes áreas de paso co fin de respectar as medidas contra a Covid-19.

Iván Puentes aclarou que se trata dun peche provisorio e que “evidentemente a solución definitiva a este proceso de degradación dunha estrutura que ten xa moitos anos (máis de 50) virá da man da execución do proxecto para liberar e renaturalizar o río dos Gafos, como demanda a inmensa maioría dos cidadáns de Pontevedra, e transformar o que hoxe é unha dificultade e un problema nunha oportunidade e nunha zona verde equivalente a 12 campos de fútbol de Pasarón no corazón da cidade”.