O Plan Reinicia Turismo pon en marcha unha nova formación centrada en Marketing e Dixitalización

41
  • O proxecto impulsado pola Concellería de Turismo en colaboración con #PonteLovers e Albur Atlántico, terá sesións de venda en redes sociais, e-commerce e automatización de procesos

O Plan Reinicia Turismo, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo en colaboración coa plataforma #PonteLovers e a consultora especializada Albur Atlántico para mellora a competitividade das pequenas e medianas empresas do sector turístico, acaba de iniciar unha nova formación centrada en Marketing e Dixitalización cun relatorio sobre Imaxe de Marca e Fotografía Empresarial, sesións sobre e-commerce, automatización de procesos e venda a través das redes sociais. Esta actividade formativa ten o obxectivo de facer chegar aos diferentes participantes un xeito máis concreto, específico e especializado para traballar sobre a comunicación gráfica das empresas como estratexia de marketing afectiva e diferenciadora.

Tal e como explicou a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, “unha vez rematada a área de Psicoloxía Empresarial impartida polo doutor Iago López Roel, comeza este novo bloque temático, que foi solicitado expresamente polos participantes como unha das súas necesidades inminentes”. “Deste xeito, preténdese dar saída e resposta as suxerencias dun modo útil e próximo, axudando aos responsables das empresas do ámbito turístico a reinventarse”, indicou a socialista.

A mentoría está a cargo do pontevedrés Vicente Fernández Pedras, experto en comunicación gráfica con máis de 15 anos de experiencia. Pedras foi o vencedor da I edición do concurso nacional de Enodesign Experience e ten unha longa traxectoria e recoñecemento en eidos profesionais ligados ao enoturismo, o sector hoteleiro, o interiorismo e a arquitectura.

Yoya Blanco lembra que a finalidade do Plan Reinicia Turismo é “lograr transmitir tódolos factores que marcan a diferencia entre as empresas locais e os grandes competidores, neste impas de posta en valor do comercio e o desenvolvemento local como estratexia de crecemento na época Covid”.

A edil do PSOE sinalou que “o factor humano e o produto que ofrecen as pemes turísticas, xunto coa hostelaría, a gastronomía e o contexto natural propio, fan de Pontevedra unha cidade única e cunha riqueza de valor incalculable”.