Benestar Social ofrece formación e emprego no eido da atención no fogar a persoas vulnerables e con dificultades de inserción laboral

26
  • A Concellería que dirixe Marcos Rey desenvolverá entre os meses de abril e xuño na Casa Azul dous cursos que incluirán prácticas na empresa Idades, que presta o Servizo de Axuda no Fogar (SAF)
  • Os cursos permitirán que 10 persoas seleccionadas polos Servizos Sociais municipais adquiran nocións básicas de carácter asistencial para persoas con déficits de autonomía

A Concellería de Benestar Social desenvolverá entre os meses de abril e xuño, en colaboración coa Fundación Formavigo e a firma Idades, que presta o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) no concello de Pontevedra, uns cursos sobre nocións básicas de carácter preventivo e asistencial para a atención no fogar de persoas que poidan presentar déficits de autonomía non limitadores a nivel sanitario, social ou emocional. As actividades formativas, que contarán cada unha cunha duración total de 28 horas (16 teóricas e 12 prácticas) e que terán lugar nas instalacións da Casa Azul, ofrecerán a un grupo de 10 persoas vulnerables e con dificultades de incorporación ao mercado de traballo non só as ferramentas para atender de xeito profesional a persoas maiores, senón tamén a oportunidade, ao rematar os cursos, de traballar para o SAF pontevedrés.

Segundo sinala o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, “este proxecto  pretende brindar unha formación básica e de calidade a persoas desempregadas, en especial a aquelas en risco de exclusión social; ofrecerlles unha saída laboral e mellorar a súa empregabilidade, e previr e compensar a perda de autonomía dos nosos maiores, prestándolles axuda para realizar as actividades da vida diaria e manter o espazo doméstico en condición axeitadas de habitabilidade”. “As persoas beneficiarias serán seleccionadas en base aos criterios de prioridades marcados polos Servizos Sociais municipais e asinarase un convenio de prácticas coa empresa Idades, que incorporará ao alumnado de xeito escalonado ata cubrir o total das prazas. Agardamos que todos ou a maioría deles acaben sendo contratados para colaborar co Concello de Pontevedra na prestación do SAF”, subliña o edil do PSOE.

Unha traballadora social con ampla experiencia no eido da atención a domicilio, e especificamente da atención a persoas maiores, será a responsable de impartir estas actividades formativas. Asemade, haberá unha coordinadora que guiará as accións dos cursos, avaliando ao alumnado, e que realizará o seguimento das súas prácticas.

Unha atención e acompañamento integrais dos nosos maiores

Tal e como explica Marcos Rey, “realizaranse dous cursos en bloques de cinco persoas (para un total de 10 persoas), que permitirán adquirir as seguintes habilidades: atención de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria no seu propio domicilio; atención ás necesidades de carácter doméstico e da vivenda que incidan e axuden na mellora da contorna das persoas usuarias e da súa familia; apoio na realización doutras actividades necesarias da vida cotiá e de trámites urxentes de carácter administrativo, xudicial ou semellantes;  seguimento das intervencións e/ou atencións necesarias na área da saúde, e actividades de acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables”. 

“O curso terá tres partes: unha entrevista persoal cos beneficiarios para ter información sobre os seus coñecementos previos, fortalezas e eivas; unha parte teórica, que se desenvolverá de xeito presencial na Casa Azul seguindo os protocolos Covid-19, e outra de prácticas, na que se farán labores de acompañamento a outra traballadora que preste servizos no SAF”, avanza o concelleiro de Benestar Social. 

Marcos Rey lembra que “o SAF constitúese como un recurso esencial no desenvolvemento das políticas sociais, especialmente na situación actual e co incremento da poboación envellecida, que demandan unha atención profesionalizada das persoas en situación de dependencia nos seus propios domicilios, en actividades básicas e instrumentais da vida diaria que lles faciliten a permanencia no seu contorno habitual, evitando o seu illamento e facilitando a súa autonomía”. “Nestes momentos tan difíciles que estamos a vivir, tanto no eido sanitario como no laboral e económico, este proxecto servirá tamén para atopar emprego a un grupo de 10 persoas en situación vulnerable, con especial dificultade para acadar a inserción laboral e en risco de exclusión social”, subliña o socialista.

A entidade que desenvolverá os cursos, a Fundación Formavigo, ten como un dos seus fins fundacionais a formación, cualificación e emprego para as persoas con dificultades para a súa incorporación ao mercado laboral. As súas principais áreas de actuación son a comunidade, a igualdade, a inclusión e a mocidade. A Fundación, a través da Escola de Formación Formavigo ten realizado distintos proxectos e formacións para a inserción laboral en colaboración con entidades sociais como a Fundación Secretariado Xitano, Juan Soñador, Cáritas ou Érguete.