O Concello pon a disposición da veciñanza o campo de herba sintética de Ponte Sampaio

14

O alcalde e o tenente de alcalde visitaron esta mañá as novas instalacións que serán cedidas aos equipos deportivos da parroquia para que fagan uso delas.

O custe foi de 1.330.000 euros e dispón de todos os equipamentos necesarios para a práctica deportiva.

É o primeiro gran paso para recuperar toda a Xunqueira de Ponte Sampaio que consistirá en ampliar a praia, as dotacións infantís, polideportivas ou reordenar o tráfico, entre outras actuacións.

A veciñanza de Ponte Sampaio poderá empezar a usar o novo campo de herba sintética e as súas instalacións a partir do luns. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores acompañado do tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández e do concelleiro delegado da parroquia, Raimundo González, visitaron esta mañá as novas instalacións, nunha visita na que tamén estiveron presentes representantes dos clubs deportivos que as van empregar e dos colectivos veciñais da parroquia.

“Hoxe é un día importante porque poñemos a disposición un campo de herba sintética regulamentario para os equipos Unión Sampaio e a Escola de base Río Verduxo que teñen arredor de 300 rapaces xogando”, explicou o alcalde logo de visitar as instalacións deportivas. Quixo resaltar que “o campo está fóra da liña de Costas, logo dunha xestión complexa para poder solicitar a súa reversión, e recuperar os terreos afectados polo anterior campo, que permitirán ampliar o espazo de lecer que está unido á praia de Ponte Sampaio”.

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández tamén resaltou que “é a primeira parte deste gran proxecto de recuperación do espazo de lecer de Ponte Sampaio” e recordou que esta nova instalación deportiva está “dentro do plan de campos do rural que permiten acceder aos nenos e nenas ao deporte”. Tamén adiantou que “dende agora poñémonos en contacto cos clubs para ver de xestionar o campo o antes posible e que se cumpran os protocolos Covid. Será a partir da semana que vén cando o campo poderá ser usado polos veciños e veciñas”.

Como destacaron tanto o alcalde como o tenente de alcalde, a construción do campo de herba sintética é o primeiro fito dun proxecto moito máis ambicioso que consiste en actuar nuns 30.000 metros cadrados da Xunqueira de Ponte Sampaio, tanto ampliando a súa superficie como recuperando os terreos invadidos por outras instalacións. Até o de agora, esta zona de lecer dos veciños e veciñas da parroquia e de moitos pontevedreses e pontevedresas, estaba ocupada polo vello campo que impedía ampliar os espazos libres na zona.

A construción do novo campo respondía á necesidade de poder derrubar aquela instalación deportiva e deixar libres o terreo no que poder ampliar a praia da Xunqueira, os espazos infantís, polideportivos e, incluso, reordenar mellor o tráfico na zona.

Con este obxectivo, o Concello comprou no ano 2018 unha parcela de 11.000 metros cadrados, detrás do colexio público, por 120.000 euros, onde se levantaría o novo campo. E iniciou a súa construción.

O novo campo de Ponte Sampaio tivo un custe de 1.330.819,60 euros en parte financiados cun convenio coa Deputación provincial. Sufriu diversos atrancos na súa construción, o que demorou o tempo de entrega. En plena obra, a empresa adxudicataria do proxecto, Ediserpo, entrou en proceso concursal e tivo que ser asumida pola segunda mellor oferta no concurso de licitación: UTE E.C.Casas – Imesapi, quen, finalmente, tamén tivo asumir os ritmos de traballo propios da pandemia.

O novo campo

As dimensións do terreo de xogo de herba sintética de última xeración, que cumpre coa normativa FIFA Quality, é de 90×85 metros. Dispón de dous edificios construídos destinados a vestiarios e bancadas.

Ao respecto dos vestiarios, son catro para os equipos e dous para os árbitros, e tamén acolle a instalación para caldeiras. As bancadas inclúen a billeteira, cantina, baños e almacéns de uso do campo.

Finalmente, está dotado céspede artificial, porterías, bancos de suplentes, marcador e iluminación.

Tamén dentro do proxecto incluíuse a urbanización da contorna do campo de fútbol, onde se instalaron medidas de calmado de tráfico, creouse unha senda peonil para segregar o paso dos vehículos do paso dos peóns, e pintouse sinalización horizontal en todo o ámbito. O custe desta urbanización foi de 48.150 euros.

Unha vez que se rematou a construción do campo e se acondicionou o exterior, a empresa acometeu a demolición do vello terreo de xogo que invadía boa parte da praia de Ponte Sampaio.

Desafectación de Costas

O seguinte paso será o acondicionamento desta nova parcela e a reordenación do espazo actual existente para ampliar a praia e dotar toda a zona de novos equipamentos de lecer e deportivos escasamente invasores, co propósito de que quede un espazo amplo de recreo para os moitos usuarios que cada ano ten a Xunqueira.

Para esta actuación é preciso que Costas do Estado resolva o expediente de desafectación que o Concello de Pontevedra ten en tramitación dende hai catro anos, e que está pendente de resolución definitiva.

O campo de herba sintética de Ponte Sampaio vén a sumarse á rede de campos construídos polo Concello nas parroquias do rural nos últimos anos como apoio aos terreos de xogo instalados na Xunqueira do Lérez, que estaban moi demandados polos equipos de fútbol de Pontevedra. 

Xa están operativos o de Cerponzóns, Santa María de Xeve e Campañó. E neste ano está previsto que se inicie a construción do campo de herba sintética de Salcedo co que se completaría este rede de campos de herba sintética do rural.

Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Tino Fernández, tenente de alcalde e concelleiro de Deportes.