O Goberno municipal reafírmase no traslado de Ence ante as coaccións e ameazas

16
  • BNG e PSOE presentan mocións instando á condena da violencia e a traballar para o traslado da fábrica fóra da ría
  • Tino Fernández: “fronte ás descualificacións, ameazas e chantaxes, o Goberno municipal aposta pola tranquilidade e o diálogo entre a empresa e as Administracións para buscar saídas negociadas”
  • Carme da Silva: “ante calquera situación que abra unha porta de esperanza á sociedade pontevedresa para ver o tan ansiado traslado de Ence, a empresa e o PP activan inmediatamente as ameazas, as chantaxes e as coaccións” 

O portavoz do grupo municipal do PSOE, Tino Fernández, e a portavoz do grupo municipal do BNG, Carme da Silva, anunciaron esta mañá que presentarán dúas mocións conxuntas relativas a Ence de cara o Pleno que terá lugar o luns 22 de marzo. Tino Fernández explicou que na primeira das mocións “o goberno municipal insta á empresa Ence, á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado a traballar de forma inmediata para o traslado da factoría da ría de Pontevedra, como única forma de garantir a súa viabilidade e o mantemento dos postos de traballo”. 

A segunda das mocións vén motivada polos incidentes producidos onte no Concello e ten por obxecto, en palabras do portavoz do grupo socialista “rexeitar, esperemos que de forma unánime, a violencia, as ameazas e as chantaxes inadmisibles en calquera sistema democrático”. Ademais, en referencia ao acontecido onte, Tino Fernández asegurou que “fronte ás descualificacións, ameazas e chantaxes, o Goberno municipal aposta pola tranquilidade é o diálogo entre a empresa e as demais Administracións para buscar saídas negociadas”.

Pola súa banda, Carme da Silva puxo o foco en que “periodicamente e ante calquera situación que abra unha porta de optimismo e de esperanza á sociedade pontevedresa para ver o tan ansiado traslado de Ence fóra da ría de Pontevedra, a empresa e o PP activan inmediatamente as ameazas, as chantaxes e as coaccións”. Como exemplos indicou que se viu “no pasado coa lei de costas, vímolo cando foron actuantes nas campañas electorais, e vémolo agora novamente ante calquera porta á esperanza pola  sentenza da audiencia ou polas modificiacións que se poidan facer na lexislación”.

A portavoz do grupo nacionalista indicou que “o de onte xa fora anunciado por quen executa as instruccións que dan Ence e o PP, que xa dixera publicamente que ían seguir unha escalada de violencia que ía ir en aumento”. Insistiu en que “o acontecido onte no Concello é unha proba pública de que se sobrepasan absolutamente todos os límites nesas accións e polo tanto quen dá esas instruccións teñen que mandar parar” en referencia á empresa e ao Partido Popular, ao tempo que lles lembrou que “así non van conseguir nada, non conseguiron minar a firmeza do Goberno municipal, nin conseguiron nin conseguirán minar a firmeza da sociedade de Pontevedra que agarda esperanzada a saída de Ence da ría de Pontevedra”.

“O que pasou onte non se debeu producir nin se pode volver repetir e quen ordena estas accións teñen que mandar parar” esixiu Carme da Silva.

Traslado da fábrica

Sobre o traslado da fábrica, Tino Fenández indicou que “a vida de Ence en Lourizán remata no ano 2033 e a nosa moción, polo tanto, ten unha preocupación básica que é o futuro dos traballadores e traballadoras da empresa”. Lembrou, ademais, que “a posición do equipo de Goberno xa é coñecida e recoñecida: Ence ten que irse de aí” e explicou que “esa posición coincide coa do Goberno do Estado e tamén coincide coa propia lei”. Así, fixo fincapé en que “a saída natural dos conflitos é o diálogo e a perseverancia e nunca a ameaza e a coacción”, ao tempo que afirmou que “temos por diante 12 anos e o único que lle pedimos á empresa e ao resto das Administracións é que poñan toda a súa boa vontade e que negocien con honestidade e con ganas de chegar a acordo”.

Carme da Silva tamén coincidiu e sinalar o traslado “como única forma de garantir tanto os postos de traballo dunha empresa desas características como o futuro da ría de Pontevedra” e chamou a atención sobre o simbolismo da data do Pleno que coincidirá co Día Mundial da Auga e a este respecto indicou que “é un día no que agardamos que o Pleno de Pontevedra, e agardamos que por unanimidade, opte por recuperar a ría de Pontevedra e por traballar para o traslado de Ence”.