O taller Pontevedra Rodando presentará dúas pezas audiovisuais a mediados de abril

46
  • O obradoiro, impulsado pola Concellería de Turismo e a Pontevedra Film Comission en colaboración coa produtora Volvemos a Primera, desenvolveu a súa cuarta edición en formato online
  • Os proxectos finais serán totalmente ideados e elaborados polos 27 alumnos que participan no taller e estarán adaptados á situación de pandemia tanto en temática como en técnica

O taller audiovisual amateur Pontevedra Rodando, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e a Pontevedra Film Comission en colaboración coa produtora Volvemos a Primera, rematou a súa cuarta edición, desenvolvida nun formato 100% online, cun total de 27 alumnos de entre 14 e 65 anos con diversidade de intereses e profesións. Os proxectos finais, totalmente ideados polo alumnado e adaptados á situación de pandemia tanto en temática como en técnica, traduciranse en dúas pezas audiovisuais que se poderán ver a partir de mediados de abril.

Tal e como indica a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, “os obradoiros, que tiveron lugar durante os meses de febreiro e marzo, foron impartidos en dous grupos divididos en doce sesións online polos profesionais do eido audiovisual Pablo Cacheda (realización e imaxe), David Lagares (son) e Santi Romay (interpretación)”.

A edil do PSOE avanza que “un dos proxectos audiovisuais dos que poderemos desfrutar a partir do vindeiro mes será un falso documental que xirará arredor as figuras de Benito Soto, Ravachol e Perfecto Feijoo e dará unha visión ficticia da historia do loro máis famoso en clave de humor, mentres que o outro presentará unha sucesión de historias de ficción postpandemia, baseadas en micropezas dos alumnos/as e utilizando a linguaxe webcam para contalas”.

Yoya Blanco lembra que en ámbolos dous proxectos “o alumnado levará a cabo tódalas funcións propias dos diferentes profesionais que toman parte nun proceso de produción, realización e montaxe de obras audiovisuais, aplicando os conceptos adquiridos durante o desenvolvemento do curso e sen ningún tipo de axuda externa”.