A loita das mulleres agroma nos muros de Pontevedra en forma de graffiti

15
  • A artista Sax, en colaboración con Urban Culture Factory, realiza unha intervención inspirada no cartel deseñado por Maru Astray para a campaña do 8M impulsada pola Concellería de Igualdade
  • A socialista Yoya Blanco subliña que, a través deste mural, “as mulleres ocupamos o espazo público cunha imaxe poderosa, que reflicte o noso berro a prol da igualdade real e dos nosos dereitos”

Un muro de 10 x 2 metros situado na céntrica rúa Cruz Gallástegui converteuse no ‘lenzo’ sobre o que a artista urbana Sax, en colaboración coa Urban Culture Factory, está a plasmar o graffiti reivindicativo promovido pola Concellería de Igualdade con motivo do 8M, Día da Muller. O inicio da intervención artística, que estará rematada ao longo desta tarde, contou coa presenza dos concelleiros socialistas Iván Puentes e Yoya Blanco, quen asegurou que, a través deste mural inspirado no cartel deseñado por Maru Astray para a campaña ‘Feminismo para cambiar o mundo’, “as mulleres ocupamos o espazo público cunha imaxe moi poderosa, que reflicte o noso berro a prol da igualdade real e a loita polos dereitos de tódalas mulleres”.

Tal e como lembrou a concelleira de Igualdade, “a graffiteira Sax conta cunha longa traxectoria, xa que comezou a facer bosquexos e a plasmalos nos muros na súa adolescencia, e é toda unha referente feminina nun campo de expresión artística que desgraciadamente, coma tantos outros, está dominado de xeito maioritario por homes”. “O seu estilo, as cores e texturas que emprega, encaixan á perfección co empoderamento feminino e a forza das nosas demandas. É un berro reivindicativo, que amosa que non estamos dispostas a soportar máis minutos de silencio, e unha homenaxe ás mulleres artistas e á arte feminina: unha imaxe moi potente e fermosa, símbolo dun 8M no que, por mor da pandemia, non puidemos saír ás rúas de xeito multitudinario e vivir esa sororidade colectiva que tanta falta nos fai”, asegurou Yoya Blanco.

A socialista agradeceu a implicación da Urban Culture Factory coa arte urbana, apostando pola rexeneración e dignificación dos espazos públicos e simbólicos da identidade cultural, e coas reivindicacións das mulleres. Segundo apuntou, este colectivo está a traballar de xeito decidido na consolidación e desenvolvemento de artistas mulleres mediante campañas muralísticas onde se retrata a identidade dunha cultura dos muros.

A artista Sax afirmou que “nun ano no que non puidemos manifestarnos como sempre polo 8M, este graffiti amosa a unha rapaza berrando a través dun megáfono e subliña o importante que teñen estas datas para as mulleres”.

Os Faladoiros Literarios Feministas regresan mañá a Uned

As escritoras protagonizarán no centro asociado da Uned o segundo dos Faladoiros Literarios Feministas organizados pola Concellería de Igualdade no marco das actividades programadas co motivo do 8M. Esta nova mesa estará moderada pola xornalista Sara Vila Alonso, será emitida en streaming en España e Latinoamérica  a partir das 19:00, contará coa participación da socialista Yoya Blanco e nela presentarase os libros ‘A lavandeira de San Simón’ e ‘Libres e Vivas’.