- Estas liñas amplían a cobertura e a frecuencia, cubrindo todo o perímetro da cidade e unindo todos os centros de atracción peonil, como centros sanitarios, administrativos, deportivos e o Campus universitario.
- O convenio entre Concello e Xunta foi ditaminado por unanimidade na Comisión de Mobilidade e será ratificado no vindeiro Pleno
O concelleiro de Obras Urbanas e Transportes, Demetrio Gómez anunciou esta mañá que a previsión é que as novas liñas de transporte urbano comecen a operar o 1 de xuño. O concelleiro adiantou esta previsión atendendo a que o primeiro convenio entre Concello e Xunta para delimitar os precorridos e frecuencias foi ditaminado por unanimidade esta mañá na Comisión de Mobilidade (e será ratificado no Pleno do vindeiro luns) e o segundo convenio, relativo ás tarifas, está sendo valorado positivamente polos técnicos polo que se espera chegar a acordo nas vindeiras semanas.
Demetrio Gómez asegurou que con este acordo “estamos chegando a porto co deseño dun transporte público urbano adaptado á realidade dunha Pontevedra do século XXI, que é unha cidade peonalizada que aposta pola mobilidade activa”. Neste contexto, tamén indicou que “con este convenio xa podo adiantarvos que a Xunta se compromete a colaborar con Pontevedra para a posta en marcha do transporte a demanda” e explicou que estas novas liñas de autobús forman parte “do sistema de transporte público que vai ter Pontevedra en 2023 e no que van estar integrados a intermodalidade coa estación de tren, o transporte activo tanto peonil como en bicicleta, o transporte en autobús e, no seu momento, o transporte a demanda”.
Convén lembrar que en virtude deste acordo, se substitúen as catro liñas do contrato metropolitano por dúas novas que cubren todo o perímetro da cidade e aumentan a frecuencia dos percorridos. Concretamente entrarán en funcionamento a liña Monte Porreiro-Xunqueira-estación de autobuses/ferrocarril; e en sentido inverso: estación de autobuses/ferrocarril-Xunqueira-Monte Porreiro; e a liña Monte Porreiro-Montecelo-Praza de Galicia; e Praza de Galicia-Montecelo-Monte Porreiro, en sentido inverso. Deste xeito os itinerarios cubren o perímetro da cidade unindo todos os centros de atracción peonil, como centros sanitarios, administrativos, deportivos e o Campus universitario. En canto á frecuencia as viaxes están pautadas cada 30 minutos e, no caso de Monte Porreiro, ao pasar por este barrio as dúas liñas tería frecuencias cada 15 minutos.
O convenio establece unha achega do Concello de 146.000 euros anuais, que na anualidade 2021 será de 85.000 euros, e que segundo explicou Demetrio Gómez “é unha cifra extraordinariamente baixa para o que os concellos adoitan investir en transporte público e só pode ser así grazas á colaboración entre as dúas Administracións na busca duns mellores servizos para os veciños e veciñas”. Tamén aproveitou para facer fincapé en que “hoxe é un día realmente importante para Pontevedra e moi satisfactorio para todas as persoas implicadas na negociación deste convenio, tanto da Consellaría como do Concello, porque fixeron un traballo importantísimo”.