A DGT volve incluír Pontevedra na guía de boas prácticas en mobilidade

64
  • O modelo urbano de Pontevedra e os seus resultados en materia de seguridade viaria formarán parte do ‘Catálogo de experiencias en seguridad vial urbana en España’, que será editado o vindeiro mes de maio

A Dirección Xeral de Tráfico vén de poñerse en contacto co Concello de cara a volver incluír Pontevedra no ‘Catálogo de experiencias en seguridad vial urbana en España’, que prevé editar o vindeiro mes de maio. Este traballo estase realizando desde a Área de Intevención Estratégica da DGT que actualmente está preparando unha nova versión do catálogo, actualizando a información e as experiencias que foran compiladas na versión editada en 2011.

Nesta nova versión está previsto que inclúan unha trintena de concellos e cidades de todo o Estado que teñen identificadas por ter impulsado actuacións estratéxicas relevantes en distintos ámbitos da mobilidade sostible urbana, así como experiencias e boas prácticas que consideran de interese difundir e fomentar que sexan replicadas.

No caso concreto de Pontevedra, desde a DGT aseguran que é de interese recoller a “longa tradición en peonalización do espazo urbano, a mellora do confort e a seguridade” que caracterizan o modelo urbano pontevedrés. Así, a información relativa á ficha de Pontevedra incluirá un resumo das principais accións impulsadas de cara a recuperación do espazo público e a mellora da seguridade vial, así como o impacto acadado, os indicadores aplicados e a transferibilidade a outros concellos e cidades.

Convén lembrar que na anterior versión do Catálogo, Pontevedra aparecía baixo o epígrafe “La seguridad vial integrada en un enfoque global de la ciudad” e que, naquel momento, a guía ía enfocada a ofrecer experiencias salientables que atenderan a dez ámbitos de actuación: o deseño do espazo público e a sinalización; o tráfico e a convivencia dos distintos medios de transporte urbano; a accidentalidade dos vehículos a motor de dúas rodas; a mobilidade dos colectivos máis vulnerables; a vixilancia e o control das infraccións viais e as súas causas; a atención sanitaria e social ás vítimas de accidentes de tráfico; o estudo da mobilidade e a accidentalidade vial urbana; a formación e a información sobre seguridade vial urbana; a coordinación e colaboración entre administracións; e a participación social sobre a seguridade vial urbana.