‘O teu cole na historia’ homenaxea a leiteiras e canteiros nun novo mural na EEI de Verducido

26
  • Trátase da sétima intervención do proxecto impulsado pola Concellería de Educación en colaboración con Polo Correo do Vento e nela aparecen o encoro do Pontillón, os muíños, a fervenza e un merlo

O encoro do Pontillón do Castro e a fervenza e os muíños que se poden atopar nesta privilexiada paisaxe natural compoñen o escenario do mural que vén de estrear a EEI de Verducido e que protagonizan as figuras dunha leiteira e dun canteiro (así como un paxaro tan característico desta paraxe como un merlo). Trátase da sétima intervención artística realizada por Kike Mauricio e Carlos Taboada, do equipo creativo de Polo Correo do Vento, no marco do programa didáctico ‘O teu cole na historia, coñecendo a nosa contorna’, impulsado pola Concellería de Educación co obxectivo de que os alumnos e alumnas dos colexios de Pontevedra coñezan a historia e contorna dos seus centros e se identifiquen con eles a través de pinturas murais.

Tal e como apunta o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, “a través deste proxecto xa se ilustraron con obras pictóricas os muros dos CEIP de Parada-Campañó, A Xunqueira I, A Xunqueira II e Álvarez Limeses, o CEP Campolongo e, agora, a EEI de Verducido”. “En vindeiras quendas -sinala o edil do PSOE- ‘O teu cole na historia’ trasladarase ata os demais colexios que participan no programa: os CEIP San Benito de Lérez, San Martiño (Salcedo), Santo André de Xeve, Manuel Vidal Portela e Ponte Sampaio; o CEP Marcos da Portela, e a EEI Fina Casalderrey.