Blanco insta á Xunta a lembrarse das 500 familias que viven das atraccións de feira e que levan máis dun ano sen traballar: “Estas tamén comen”

561
  • A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, mantivo esta mañá un encontro cos voceiros da nova plataforma de Empresari@s de Atraccións de Feira de Galicia (Emafega)
  • A socialista solicítalle ao vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, que reciba a un colectivo que “a única cousa que quere é volver traballar este verán”

Os traballadores do sector das atraccións de feira xa contan cunha nova plataforma de defensa dos seus intereses grazas a recente formación do colectivo de Empresarios e Empresarias de Atraccións de Feira de Galicia (Emafega). Con tal motivo, a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, mantivo esta mañá na Sala de Comisións do Concello de Pontevedra un encontro no que participaron os seus voceiros, Francisco González (presidente), María Dolores Balsa (secretaria) e Beatriz Camarero.

A socialista amosou a súa “total solidariedade” cunha actividade da que “dependen de xeito directo máis de 500 familias galegas (ás que hai que sumar moitos outros postos indirectos)” e cun colectivo do que “eles ben saben que, por cuestións familiares, coñezo perfectamente a súa realidade e o ano tan duro que veñen de atravesar”. “Moitas levan sen traballar dende hai máis dun ano e por iso instamos á Xunta a lembrarse delas. Solicitámoslle ao vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, que os reciba e lles dea cando menos un halo de esperanza, xa que única e exclusivamente piden poder traballar e dar de comer ás súas familias. As familias dos traballadores das festas tamén comen”, afirmou Yoya Blanco.

Pola súa banda, María Dolores Balsa agradeceu a Blanco o seu respaldo e expresou o seu interese en manter un encontro coa concelleira de Festas, Carme da Silva,  xa que o seu principal obxectivo nestes momentos pasa por “empezar a traballar, porque levamos máis de ano e medio sen poder instalar as nosas atraccións e así é imposible que poidamos desenvolver as nosas vidas”. “Queremos traballar durante todo o verán, aínda que este ano non haxa festas ao uso”, reivindica a secretaria de Emafega.