O Concello incrementa os investimentos até os 44 millóns de fondos propios coa liquidación do orzamento de 2020

17

Na actualidade xa están en disposición máis de 29 millóns procedentes dos 12,9 de investimentos contemplados no orzamento de 2021, e da incorporación de remanentes de 2020.

Incorporaranse 14 millóns máis de remanentes de tesourería grazas a que está en suspenso a Lei Montoro, e destinados a proxectos nos que xa traballa o Goberno.

O Concello de Pontevedra está en disposición de incrementar os investimentos para o ano 2021 até os 44 millóns de euros de fondos propios, tal e como revelan as contas da Liquidación do Orzamento de 2020. Segundo explicou o concelleiro de Economía e Facenda Raimundo González: “Nunca se xestionou neste Concello tal cantidade de investimento de fondos propios”.

O concelleiro explicou que a elaboración da liquidación de 2020 adiantouse un mes para incrementar os investimentos de 2021 pasando de 12,9 millóns que figuran no orzamento, a 44 millóns “que permitirán reactivar a economía local”.

Os parámetros máis destacados da liquidación do Orzamento de 2020 son:

  • Ingresos: 76.718.000 euros
  • Gastos: 69.893.000 euros
  • Remanente de tesourería: 24.240.000 euros
  • Superávit: 1.754.000 euros
  • Débeda municipal: 7.940.000 euros, é dicir, o 11% dos dereitos recoñecidos, e unha débeda que se retrotrae a hai 35 anos.

“A situación financeira do Concello é moi boa”, concluía Raimundo González quen explicou que coa Lei Montoro en suspenso “poderemos usar todos os recursos para abordar a crise económica. Imos usar todas as ferramentas para poder reactivar a economía local”.

Na actualidade o Concello xa fixo unha incorporación de 13.976.000 euros de remanentes do pasado orzamento destinados a partidas comprometidas do ano anterior, que se veñen a sumar aos 12,9 millóns de investimento contemplados no orzamento de 2021.

A maiores poderá incorporar 14,2 millóns de euros nunha vindeira modificación de crédito para proxectos e iniciativas aínda por concretar, pero nos que xa traballa o Goberno. Esta modificación poderá facerse no mes de abril ou maio, ao máis tardar.

Finalmente, a estas partidas incorpóranse 2,5 millóns procedentes de distintas subvencións como o canon da auga ou o millón de euros solicitado para renovar o alumeado dos tres Xeves.

“Non estamos falando de números en abstracto, senón que estas contías suporán arredor de 2.100 postos de traballo durante os vindeiros dous anos”, e permitirán incrementar os investimentos municipais en 2021 até os 100 millóns de euros, ao incorporar os 58 millóns de investimento do contrato da auga. “Temos a obriga de sacarlle o máximo rendibilidade aos recursos públicos porque vai repercutir nos veciños”, explicou Raimundo González.