O Ganapán regresa esta fin de semana con novos obradoiros creativos e de cociña

5

• As actividades darán comezo mañá, cun taller de elaboración de ‘cookies’ de chocolate e outro de deseño de tarxetas de felicitación ‘pop-up’, e continuarán o sábado e o domingo
• Os nenos e nenas interesados en inscribirse terán que facelo, como máximo, antes das 20:00 horas do día anterior ao que se desenvolva a actividade no correo oganapan@gmail.com

O programa de lecer infantil O Ganapán volverá esta fin de semana ao Mercado de Abastos de Pontevedra cunha variada oferta de obradoiros nos seus espazos Gastro e Crea. As actividades, destinadas a nenos e nenas de 4 a 10 anos, darán comezo mañá e desenvolveranse en dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas, cun taller de elaboración de ‘cookies’ de chocolate e outro de deseño tarxetas de felicitación ‘pop-up’ feitas a man para sorprender aos papás e aos seres queridos.

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, indica que todos aqueles rapaces interesados en participar deberán inscribirse a través do
correo electrónico oganapan@gmail.com e terán de prazo máximo para facelo ata as 20:00 horas do día anterior ao que se desenvolverá a actividade. “Despois desa hora -precisou a edil do PSOE- non se recollerán máis inscrición. Os obradoiros serán de grupos reducidos, teremos lista de agarda e, no caso de que alguén se dea de baixa, chamaremos ao seguinte rapaz. Para que a inscrición sexa válida é obrigatorio mandar non correo a seguinte información: nome e apelido do neno ou nena, idade, teléfono, día e hora nos que queren apuntarse e indicar se é para o Espazo Crea ou o Espazo Gastro”.

Segundo avanzou Yoya Blanco, “para a xornada do sábado 20 están previstos un obradoiro de elaboración de dónuts de mazá e chocolate, unha merenda nutritiva e saudable que só require de tres ingredientes e un par de pasos para ter un bocado delicioso e crocante, e un taller de xoiería ‘al dente’, no que se fomentará o lado máis artístico dos pequenos coa confección de pulseiras e colgantes feitos de pasta”.

A concelleira de Promoción Económica explicou que “o domingo 21 desenvolverase no Espazo Gastro unha actividade de cociñado dun clásico das receitas da avoa, as maruxas de nata, unhas galletas doces de sabor intenso que sempre nos devolven á nenez, e no Espazo Crea un taller de manualidades no que se elaborará unha colección de mini monstros con pompóns de cores (pomponeras) para decorar lapis”. Ao igual que os anteriores, estes obradoiros realizaranse en dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas.