Desenvolvemento Sostible reabre o parque infantil da Illa das Esculturas despois dunha restauración integral que deixou tódolos elementos coma novos

14
  • Iván Puentes amosa a súa satisfacción cuns traballos nos que se investiron 17.000 € “e que supoñen case unha reinauguración dun parque dotado de xogos con propiedade intelectual”

Os máis pequenos xa poden desfrutar desde primeira hora desta mañá dun renovado parque infantil da Illa das Esculturas, despois de que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural finalizase as obras de mellora das condicións de seguridade e restauración integral que acometeu nestas últimas semanas e que deixaron tódolos seus elementos coma novos. O seu responsable, o concelleiro socialista Iván Puentes, amosouse “francamente satisfeito” cuns traballos que supuxeron un investimento de 16.942,90 euros e que “vistos os resultados, significan case unha reinauguración dun parque moi singular e de gran valor, dotado duns xogos deseñados pola prestixiosa empresa alemana SIK-Holz, elaborados en madeira de robinia ultra resistente procedente de Serbia e con propiedade intelectual”.

Os traballos, executados pola firma Garocaprim SL, incluíron a mellora das condicións de amortecemento do pavimento, incrementando a súa densidade mediante a achega de máis dunha tonelada e media de árido (‘garavanciño’). Segundo sinala Puentes, “as obras de renovación do pavimento resultaron especialmente arduas, xa que obrigaron a retirar e almacenar uns 15 metros cúbicos de áridos e a reforzalo coa tonelada e media extra de ‘garavanciño’ co obxectivo de optimizar a capacidade de absorción de impactos desde altura”. “Isto é importante nun parque que conta con algúns xogos que teñen certa distancia co chan”, subliña o edil de Desenvolvemento Sostible.

Os operarios de Garocaprim SL tamén procederon á retirada de tódalas madeiras e parafusos danados ou en mal estado e substituíronos por pezas novas, renovaron os elementos de corda dos xogos e fixeron un tratamento e lixado de toda a madeira, eliminando estelas e irregularidades que puidesen resultar perigosas. Ademais, lixaron e pintaron elementos decorativos como tellados, mesas e tótems.

Entre as estruturas de xogo que os máis pequenos poden atopar no parque da Illa das Esculturas están un bambán alfombra voadora, unha randeeira cesto, un resorte mariquiña pequena, un balancín dobre ‘Abellas’, un resorte ‘Pato pescozo verde’, un conxunto para picnic en familia, un resorte triplo ‘O crocodilo’, unha combinación Kletterwald, un bambán dobre, un resorte ‘Peixe dourado’, un balancín ‘postura en pé’ e unha combinación ‘Indio I’. “O seu privilexiado emprazamento, próximo ao quiosco da Illa das Esculturas, o campus universitario e as pistas deportivas, e a calidade dos seus xogos -afirma o socialista- convírteno nun parque elixido por moitas familias e cun uso intensivo”.

Tal e como constata Iván Puentes, ao igual que aconteceu coas reformas dos espazos de lecer da Praza de Europa (Monte Porreiro), a Cidade de Pedra, os antigos terreos de Tafisa e A Seta, a renovación do parque da Illa das Esculturas é o resultado dunha auditoría previa realizada pola firma especializada Solucións Técnicas de Ocio (STO), contratada polo Concello para estudar a seguridade de tódalas zonas de xogo da cidade, verificar que respectan a normativa europea UNE-EN 1176 e o Decreto autonómico 245/2003, valorar as reparacións necesarias e emitir os certificados da Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) cando cumpren con esas directrices.