Iván Puentes anuncia o inicio dos traballos para crear unha nova horta urbana dotada de 17 bancais de madeira na rúa Ernesto Caballero

61
  • O proxecto impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible suporá un investimento duns 30.000 euros e incluirá a instalación dun sistema automático de rego por goteo e un peche perimetral
  • Os verxeis adxudicaranse por orde de lista de agarda e, dado que o portón de entrada estará pechado con chave, só poderán acceder os usuarios. Disporán dun composteiro e unha caseta

A empresa Feito Pontevedra SL acaba de poñer en marcha os traballos destinados a ampliar a oferta de hortas urbanas do noso concello coa creación de novos verxeis comunitarios nunha parcela de propiedade municipal situada entre a rúa Ernesto Caballero e as vías do ferrocarril (ao seu paso por José Malvar). As actuacións impulsadas pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural suporán un investimento global de máis de 30.000 euros e traduciranse na construción de 17 bancais elevados de madeira tratada de 14 metros cadrados, acondicionados con achegas de terra vexetal e compost.

O proxecto contempla a colocación dun peche perimetral duns dous metros de altura e dun portón de entrada que estará pechado con chave, polo que só terán acceso os usuarios da horta. Tamén se instalará unha billa e un sistema automatizado de rego por goteo (cun programador e tódolos elementos necesarios). 

Tal e como explica o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, “a finca carece de auga nestes momentos, polo que os traballos inclúen a realización dunha acometida dende a rúa Ernesto Caballero por parte de Viaqua”. “As obras de creación da nova horta urbana contan cun orzamento de 28.099 euros, mentres que a acometida ten un custe de 2.000 euros”, precisou o edil do PSOE. 

Ademais de achegarse material para acadar un solo o máis plano posible, adecuaranse as zonas comúns e de paso mediante unha achega de zahorra e a compactación do pavimento das mesmas. Segundo subliña Iván Puentes, o Concello subministrará unha serie de ferramentas de uso agrícola para o emprego comunitario dos usuarios e colocará unha caseta para gardar o material de traballo e un cartel coas normas de utilización dos verxeis. “Tamén se instalará un composteiro -indica o edil- para o tratamento dos residuos agrícolas, pechándose así o ciclo da materia orgánica dentro da propia horta”.

As obras prolongaranse durante un prazo aproximado de 2 meses

Iván Puentes avanzou que os traballos de creación da nova horta urbana de Ernesto Caballero “prolongaranse durante un prazo aproximado de dous meses” e que a concesión dos verxeis “farase por orde da lista da agarda existente”. O socialista asegurou que esta nova horta ecolóxica urbana sumarase ás xa existentes actualmente no Mirador do barrio de Monte Porreiro e na Finca de Conde Bugallal, dotadas respectivamente de 22 bancais elevados de 4,2 metros cadrados e de 37 bancais de 18,6 metros cadrados.

O uso das hortas por parte dos concesionari@s desenvólvese ao longo de todo o ano, coa realización de diferentes cultivos, tanto de inverno (como poden ser as coles) como de primavera/verán (leitugas, tomates, pementos…). Talleres e charlas formativas complementan as dinámicas de xestión dos bancais do Mirador de Monte Porreiro, que aproveitan uns 16 usuarios, e a Finca de Conde Bugallal, utilizados por uns 37 concesionarios. Esta mesma dinámica vaise seguir tamén para os novos verxeis de Ernesto Caballero.