Pontevedra estuda xunto a Gante o transporte público do futuro nun congreso internacional en Bremen

36

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías participa en liña no OffiCON, organizado pola entidade “Einfach Einsteigen” onde disertará sobre a evolución da cidade de Pontevedra e os seus retos de futuro.

Pontevedra está presente hoxe na Conferencia internacional sobre transporte público que organiza a entidade alemá “Einfach Einsteigen”, radicada en Bremen que ten por obxectivo expandir, reorganizar e financiar o transporte público do futuro como parte dun sistema de transporte sostible, especialmente despois da Covid.

O congreso leva por nome ÖffiCON e ten por lema “Repensar o transporte público”. Conta co apoio do Ministerio de Medio Ambiente de Alemaña e o banco GLS Bank, con enfoque socioecolóxico. Neste congreso que se desenvolve en liña ao longo de catro xornadas (do 18 ao 21 de marzo), están convidadas autoridades locais, asociacións de usuarios, expertos científicos que abordarán como o transporte público pode converterse nun compoñente central na transformación sostible da mobilidade.

Pontevedra participará na mesa redonda “Menos coches, máis vida: a arte de transformar as cidades en espazos urbanos vitais e sostibles”, xunto á experiencia de Gante. A portavoz do Goberno e concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, representará ao Concello e compartirá mesa co urbanista canadiense Brent Toderian; a profesora de planificación urbana e rexional en Berkeley, Elizabeth Deakin; e o tenente de alcalde e responsable de mobilidade, espazo público e Urbanismo de Gante, Filip Watteeuw. Máis info: https://oefficon.eu/en/

Na súa intervención a concelleira explicará os motivos, as decisións e as consecuencias de ter apostado por un modelo de cidade como o actual, e tamén as liñas nas que traballa o Goberno local para seguir extendendo o Efecto PO2 noutros eidos da xestión co propósito de situar a Pontevedra como referente de sustentabilidade.