O Concello actualiza o Rexistro Municipal de Asociacións

57
  • As 559 asociacións rexistradas actualmente recibirán un requirimento para actualizar os seus datos relativos a número de socios, memoria de actividades, balance económico e programa de actividades e orzamento para o ano seguinte
  • As entidades que non atendan ao requirimento serán dadas de baixa do Rexistro Municipal de Asociacións

A Concellaría de Réxime Interior, que xestiona a concelleira Anabel Gulías, vén de iniciar o procedemento para levar a cabo a actualización do Rexistro Municipal de Asociacións co fin de coñecer o número de entidades existentes na actualidade, facilitar as relacións entre as asociacións e o Concello, e fomentar o asociacionismo e a participación cidadá na Administración municipal.

Na actualidade constan rexistradas un total de 559 asociacións que recibirán nos vindeiros días un requirimento de documentanción para actualizar os datos do Rexistro. Tras a recepción do requirimento, as entidades terán un prazo dun mes para achegar, a través da sede electrónica, a documentación esixida. No suposto de que non acheguen a documentación, iniciarase o expedinte de baixa no Rexistro Municipal de Asociacións.

No requirimento solicítase, de acordo co Regulamento de participación cidadá, que cada asociación actualice os seus datos achegando a certificación do número de socios, unha memoria onde conste a relación de actividades realizadas, o balance económico e o programa de actividades e orzamento para o ano seguinte, así como calquera modificación que se produza en relación aos datos inicialmente inscritos. 

Tamén se lle lembra ás asociacións que a actualización destes datos debe realizarse anualmente e que as comunicacións coa Administración municipal se realizarán de xeito electrónico, tanto a efectos de presentación de documentación por parte das entidades como de notificacións por parte do Concello.