Os tres parques forestais de Pontevedra contarán cun mantemento sistematizado a partires do vindeiro ano

21
  • O Concello traballa na licitación do futuro contrato de mantemento, que incluirá rozas nas áreas estanciais, plantacións e camiños, a reposición de planta, o arranxo de camiños e a reposición de infraestruturas

A Concellaría de Montes e Parques Forestais, que xestiona o concelleiro Alberto Oubiña, está a traballar na redacción do prego de condicións para o mantemento anual dos tres parques forestais do Concello: o do Pontillón do Castro en Verducido, o da Tomba en Campañó, e o da Fracha en Tomeza, Marcón e A Canicouva. 

Trátase, en palabras de Alberto Oubiña, de “dar continuidade ao importante investimento que vimos de realizar para crear estes tres parques forestais ofrecéndolle, tanto á veciñanza como ás persoas visitantes, espazos naturais acondicionados e ordenados para usos sociais, como o lecer, a actividade física e o desfrute ao aire libre”. O concelleiro asegura “que as labores de creación e mantemento destas áreas non só nos permitirán contar con estes recursos naturais en perfecto estado senón que ademais estaremos contribuíndo á prevención de lumes e ao mantemento do equilibrio natural, reducindo a pegada de carbono e, en definitiva, contribuíndo á loita contra o cambio climático”. Neste sentido, Oubiña lembra que os proxectos dos parques forestais se enmarcan na estratexia municipal ‘Efecto PO2’ e que están en liña co lema deste ano do Día Internacional dos Montes, ‘Restauración forestal: un camiño á recuperación e ao benestar’, e que precisamente se celebra mañá, domingo 21 de marzo.

Así, o futuro contrato de mantemento, que se espera comece a operar o vindeiro ano, contempla traballos como as rozas en áreas estanciais e en plantacións e camiños, a reposición de planta, o arranxo de camiños e a reposición de infraestruturas.

O prego de condicións detallará o tipo de roza que se empregará en cada zona, isto é, con carácter xeral determinará que nos camiños e nas marxes dos mesmos, nunha franxa de ata 2 metros, se poderá realizar roza con medios mecanizados, mentres que a roza nas áreas estanciais se realizará por medios manuais. Nas plantacións, o sistema de roza dependerá das condicións do terreo e os traballos deben completarse co triturado dos restos da roza para incorporalos in situ ao terreo. Tamén se contempla o control e eliminación do rebrote de especies invasoras como a acacia e o eucalipto.

A reposición de planta está indicada para aqueles exemplares que non teñan arraigado na plantación orixinal; o arranxo dos camiños refírese basicamente a desperfectos ocasionados pola meteoroloxía e o uso continuado como o arranxo de firme, e a apertura de cunetas e pasos de auga en caso necesario; e a reposición de infraestruturas contempla a substitución de peches, mobiliario ou cartelaría.