O Concello licita o acondicionamento das rúas da contorna do Gorgullón

46
  • O orzamento de licitación ascende a 298.361,46 euros e supón o acondicionamento da praza de Ponte Boleira, da travesía de Eduardo Pondal, e das rúas Curtidoira, Moa e Pedro Sarmiento de Gamboa 
  • Estas obras enmárcanse na intervención integral do barrio do Gorgullón, financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

A portavoz do Goberno municipal, Anabel Gulías, informou que a Xunta de Goberno vén de dar luz verde ao inicio do proceso de contratación para acondicionar as rúas perimetrais do Camiño do Gorgullón. O contrato para realizar esta actuación ten un importe de 298.361,46 euros e un prazo de execución de catro meses.

En concreto, o acondicionamento realizarase na travesía de Eduardo Pondal, nas rúas Moa, Curtidoira e Pedro Sarmiento de Gamboa, e na praza de Ponte Boleira, e a actuación permitirá, en palabras de Anabel Gulías, “seguir coa filosofía de priorizar a mobilidade peonil nesta zona e en especial no acceso á residencia de maiores”. Con carácter xeral, o acondicionamento vai dirixido á ampliación de espazos destinados á mobilidade peonil, á supresión de barreiras arquitectónicas e á mellora da seguridade viaria. 

Anabel Gulías explicou que esta actuación dotará os espazos nos que se interveña de plataforma única, aliviando calquera problema que poidan ter estas rúas en cuestións relacionadas coa accesibilidade e que os arredores da residencia da terceira idade que se ubica neste barrio terá un tratamento específico.

O acondicionamento da contorna do Camiño do Gorgullón está incluído dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020, e os obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).