A Federación Castelao valora positivamente as novas liñas de transporte urbano

18
  • Desde a Federación de Asociación de Veciños tamén se interesaron polo proxecto de transporte a demanda, atendendo á necesidade de contar cun sistema operativo que conecte a cidade coas parroquias

O concelleiro de Obras Urbanas e Transportes, Demetrio Gómez mantivo na tarde de onte unha reunión con representantes da Federación de Asociacións de Veciños ‘Castelao’ para informarlles de primeira man sobre as novas liñas de autobús urbano que comezarán a operar o vindeiro mes de xuño, así como do sistema de transporte integral que terá Pontevedra en funcionamento de cara a 2023.

Demetrio Gómez explicoulles que as dúas novas liñas substitúen as catro do contrato metropolitano e que cubren todo o perímetro da cidade e aumentan a frecuencia dos percorridos. Así, os novos itinerarios están deseñados para cubrir todo perímetro da cidade unindo os centros de atracción peonil máis relevantes, como son os centros sanitarios, administrativos, deportivos e o Campus universitario. En canto á frecuencia, as viaxes están pautadas cada 30 minutos e no caso de Monte Porreiro, ao pasar por este barrio as dúas liñas, tería frecuencias cada 15 minutos. 

Tras coñecer coñecer os percorridos, frecuencias e paradas das novas liñas, desde a Federación Castelao valoraron a proposta como operativa e funcional para cubrir as necesidades do centro urbano en relación aos barrios, nomeadamente en relación a Monte Porreiro e a Montecelo. Desde a Federación tamén se interesaron polas opcións de transporte público entre a cidade e as parroquias do rural e, neste apartado, Demetrio Gómez ofreceulles información detallada sobre a situación na que se atopa o proxecto de transporte a demanda que se espera ter operativo de cara a 2023. Coa posta en marcha deste proxecto completaríase o sistema integral de transporte público en Pontevedra, de xeito que se integre a intermodalidade coa estación de tren, o transporte activo tanto peonil como en bicicleta, o transporte urbano en autobús e o transporte a demanda.

Convén lembrar que as dúas novas liñas de autobús e os seus respectivos itinerarios e frecuencias son froito dun convenio entre o Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia que foi ratificado na sesión plenaria de onte pola mañá. Concretamente entrarán en funcionamento a liña Monte Porreiro-Xunqueira-estación de autobuses/ferrocarril; e en sentido inverso: estación de autobuses/ferrocarril-Xunqueira-Monte Porreiro; e a liña Monte Porreiro-Montecelo-Praza de Galicia; e Praza de Galicia-Montecelo-Monte Porreiro, en sentido inverso.