Desenvolvemento Sostible realiza as ‘probas médicas’ das 91 árbores de gran porte da Alameda

33

• Iván Puentes e Yoya Blanco supervisan os traballos da firma Arbogal  para cotexar o estado de saúde e os posibles ‘vicios ocultos’  dos plátanos, carballos, tilos e álamos mediante resistógrafos  

• O edil socialista constata que “esta sorte de TAC das árbores da  Alameda permitirá reducir á mínima expresión os riscos de  caídas imprevistas e contar cunha minuciosa base de datos” 

As árbores de gran porte da Alameda de  Sesmero están a ser sometidas a unhas exhaustivas ‘probas médicas’ que  abranguen un exame visual en profundidade e o emprego de resistógrafos  (aparellos que miden a resistencia á penetración) e que permitirán  coñecer con precisión o seu estado de saúde, posibles ‘vicios ocultos’ e  factores de risco. Este Estudo Avanzado de Avaliación de Riscos, que  están a desenvolver os técnicos da empresa Arbogal coa colaboración do  experto portugués Pedro Ginja, levarase a cabo nun total de 91  exemplares (50 plátanos de sombra, 14 carballos do país, 8 carballos  americanos, 16 tilos e 3 álamos) e servirá para elaborar unha minuciosa  base de datos dos mesmos, incluíndo a súa xeolocalización e  emprazamento sobre plano.  

Os traballos de medición cos resistógrafos foron supervisados de preto  polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván  Puentes; a concelleira de Turismo, Yoya Blanco, e o xefe do Servizo de  Parques e Xardíns, Manuel Fontán, que recibiron unha ‘clase’ rápida sobre  o seu funcionamento por parte do xerente de Arbogal, Faustino Meis, e do  propio Pedro Ginja, estreito colaborador da firma galega. Tal e como  lembrou o edil do PSOE, “un dos obxectivos do Concello neste mandato é  recuperar a Alameda como espazo de centralidade da cidade e recobrar a  súa maxestuosidade”, cunha preocupación constante pola seguridade da  cidadanía “vencellada á saúde das árbores que hai neste parque”. 

“Coa finalidade de poder gozar dun espazo 100% seguro, esta sorte de  TAC das árbores da Alameda permitirá reducir ata a mínima expresión, as  posibilidades de risco de caídas de pólas e árbores. Estamos nun espazo  natural onde o risco cero é imposible, pero desde logo si que está nas  nosas mans, e o queremos facer, minimizar ao máximo este risco e, a  partir de aí, poder xa iniciar os traballos de recuperación absoluta desde o  punto de vista natural, estético e de uso deste espazo central da cidade”,  asegurou Iván Puentes.  

O xerente de Arbogal constatou que este ‘exame médico’ contempla unha  Visualización Técnica do Arborado (VTA) previa, se ben “hai árbores que  visualmente poden ter mal aspecto e ser seguras e outras que non  presentan ningún síntoma visual grave e acaban colapsando”, polo que os  resistógrafos se converten en ferramentas moi útiles e precisas. Segundo  precisou Faustino Meis, “o aparello empregado é de última xeración e  mide a resistencia e penetrabilidade cunha broca de 3 milímetros, facendo  unha incisión completamente inocua para unha árbore”. “Ofrece uns datos  moi interesantes, con claridade absoluta, sobre os centímetros de madeira  que as árbores teñen sa, dura, debilitada ou empodrecida, e as barreiras  que as árbores fan contra os fungos. Estes datos van rexistrados nun  software, onde se completa o estudo”, apunta Meis.  

Como un edificio, unha obra de arte ou unha ponte  

Pola súa banda, Pedro Ginja, que xa traballara xunto con Faustino Meis  en importantes estudos levados a cabo nas illas lusas de Madeira e  Açores, incidiu en que “ao igual que un edificio, unha obra de arte, unha  estrada ou unha ponte precisan un traballo e un proceso de mantemento,  o mesmo acontece coas árbores”. “Este proceso pasa pola monitorización,  visualización e acompañamento diario das árbores e, en situacións  determinadas, o uso doutros equipamentos de resistografía ou tomografía  (obtención de imaxes por seccións)”, afirmou o experto.  

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural pretende  que, a partir desta diagnose de posibles patoloxías, podremias ou pólas  en mal estado, se confeccione unha base de datos con fichas individuais  de cada un dos exemplares. Unha vez que se remate o estudo, o  departamento que dirixe Iván Puentes, que xa executou traballos de poda  nas pasadas semanas, seguirá adiante, efectuará as talas e eliminación  de exemplares que se consideren oportunas de cara a evitar situacións de  risco e caídas súbitas, como a acontecida cun plataneiro de máis de 100  anos a principios de setembro de 2020.

Esta avaliación do estado de saúde das árbores resulta ademais esencial  de cara a planificar axeitadamente o proxecto para devolverlle á Alameda  de Sesmero a imaxe nobre e maxestosa que presentaba cando foi  concibida, na segunda metade do século XIX.