Iván Puentes lanza a maior ofensiva contra os vehículos abandonados nas vías públicas de Pontevedra con 25 novos requirimentos de retirada

494
  • A Concellería de Desenvolvemento Sostible leva tramitados nestes primeiros tres meses de ano 47 expedientes de retirada de vehículos abandonados, un 60% dos incoados en todo 2020
  • Un dos requirimentos tivo que ser remitido ao Consulado de Francia para publicarse no taboleiro de edictos, ao figurar como propietario do coche un cidadán con domicilio en Angoulême

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, vén de poñer en marcha, coa sinatura de 25 novos requirimentos de retirada, a maior ofensiva do Concello contra os vehículos abandonados nas vías públicas de Pontevedra dende que o socialista iniciou a súa ‘cruzada’ para acabar con estes residuos sólidos urbanos. Coa tramitación destes expedientes, o Servizo Municipal de Disciplina Urbanística, Medio Ambiente e Policía Administrativa leva xa incoados nestes primeiros tres meses de ano un total de 47 requirimentos, case un 60% dos abertos en todo 2020.

Tal e como lembra Iván Puentes, “a través dos mesmos requíreselles aos titulares dos vehículos que, no improrrogable prazo de 15 días procedan á súa retirada ou entrega nun centro autorizado de tratamento ou instalación de recepción regulado no Real Decreto 20/2017 sobre os vehículos ao final da súa vida útil”. “Advírteselles tamén -sinala o edil do PSOE- que, pasado este prazo sen dar cumprimento ao requirido, esta Administración municipal poderá adoptar as medidas sancionadoras previstas na Lei 10/2008 de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia, que prevé sancións de entre 603 e 31.000 euros para aqueles supostos de infracción grave, procedéndose ademais á retirada do coche polo guindastre, dándolle o correspondente tratamento como residuo sólido urbano e liquidándoselle ao propietario as taxas que se teñan devengadas polo transporte e depósito do vehículo”.

En concreto, o Servizo de Disciplina Urbanística, Medio Ambiente e Policía Administrativa do Concello de Pontevedra requiriu nas últimas semanas a retirada dos seguintes vehículos con signos de abandono: unha furgoneta Renault R-Express e un Saab 900 no lugar de Xistro (Salcedo); un BMW 316 na rúa da Armórica (Monte Porreiro); un Opel Corsa na rúa Pedro Sarmiento de Gamboa; un Ford Mondeo e un Renault R19 1.9D no lugar de Barragáns (Campañó); un Peugeot 306 no lugar de Lusquiños (Tomeza); unha Renault Kangoo fronte ao número 53 da rúa Pintor Laxeiro; unha Renault R Master, un Volkswagen Golf e un Opel Corsa no entronque de Juan Carlos I con Losada Diéguez; un Peugeot 407 na rúa Martín Códax, fronte ao acceso ao Servizo de Costas; un Audi A3 na rúa Portugal (Monte Porreiro); un Renault Megane na rúa Pintor Colmeiro; un Opel Corsa na avenida Médico Ballina; un Opel Astra na travesía da avenida de Vigo; un Citroën Xantia na avenida de Conde Bugallal; un deportivo Alfa Romeo Silverstone 146 1.4 na rúa da Santiña; un camión frigorífico Nissan Cabstare (a nome da firma Gaserfa Gefallen SL) na rúa Losada Diéguez; un Alfa Romeo 147 no lugar de Os Areás (Mourente); un Renault Laguna na rúa Simón Bolívar; e un furgón Iveco 35514 na avenida de Os Praceres. Asemade, remitíronse tres requirimentos de retirada relativos a unha finca propiedade da Administración de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) situada nas inmediacións do nudo do Pino (a carón da senda dos Gafos) e na que se detectou un depósito de entullos, chatarra, colchóns e mobles: dous camións Nissan L35.08 e Nissan ECO T 100 e un Renault Laguna

O edil de Desenvolvemento Sostible constata que, ante as dificultades que se atopan para notificar aos titulares dos vehículos, “o Concello vese en moitas veces obrigado a publicar os requirimentos no Boletín Oficial do Estado (BOE) e mesmo, como aconteceu nesta ocasión co Renault Laguna abandonado na rúa Simón Bolívar, a través dos consulados e embaixadas doutros países”. “Comprobamos que o propietario deste coche é un cidadán de orixe francés con domicilio na Rue Fontchaudière da localidade gala de Angoulême. Tras tentar a notificación ao interesado e resultando a mesma infrutuosa, en cumprimento do artigo 44 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, remitiuse o anuncio do requirimento ao Consulado de Francia en Vigo para a súa inserción no taboleiro de edictos do Consulado ou Sección Consular da Embaixada”, subliña Iván Puentes.

Segundo apunta o socialista, “existen bastantes casos nos que, froito do seu emprego en actividades ilegais, de roubos ou simplemente porque queren desfacerse deles, os vehículos son abandonados en espazos moi alonxados das localidades de orixe dos titulares”.

Unha vez se produza a declaración definitiva dos vehículos como residuos sólidos urbanos, a firma autorizada Automociones Catoira SL poderá proceder á súa retirada e tratamento, expedindo os documentos xustificativos da recepción dos automóbiles, emitindo os correspondentes certificados de descontaminación e destrución e tramitando a baixa definitiva no Rexistro de Vehículos da Dirección Xeral de Tráfico. 

Os propietarios de 16 vehículos atenderon aos requirimentos

Iván Puentes matiza que, se ben boa parte dos expedientes incoados remata coa declaración de residuo sólido urbano e retirada do vehículo, “existen moitos outros casos nos que os coches denunciados polas Forzas de Seguridade por presentar síntomas de abandono e, polo tanto, resultar ‘sospeitosos’, acaban sendo retirados antes polos seus propietarios”. Así, o Servizo de Disciplina Urbanística, Medio Ambiente e Policía Administrativa tamén remitiu nas últimas semanas á Dirección Xeral da Garda Civil e á Consellería de Presidencia da Xunta 16 comunicacións nas que se indicaba que, levadas a cabo as xestións pertinentes pola Policía Local, os vehículos que se denunciaran xa non se atopaban no lugar que se indicara ou nas súas inmediacións.

O artigo 106 do texto refundido da Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Viaria establece que a Administración competente poderá ordenar o traslado dun vehículo a un centro autorizado de tratamento para a súa destrución e descontaminación cando transcorresen máis de dous meses dende que o coche fose inmobilizado ou retirado da vía pública e depositado e o seu titular non formulase alegacións; cando permaneza estacionado por un período superior a un mes no mesmo lugar e presente desperfectos que fagan imposible o seu desprazamento polos seus propios medios ou lle falten as placas de matrícula, e cando recollido un vehículo como consecuencia de avaría ou accidente deste nun recinto privado, o seu titular non o retirase no prazo de dous meses.