O Ganapán desenvolverá unha variada oferta de talleres creativos e gastronómicos para os máis pequenos durante a Semana Santa

37
  • Os talleres de lecer infantil promovidos pola Concellería de Promoción Económica para nenos de entre 4 e 10 anos seguirán nesta Pascua con sesións ás 11:00 e ás 12:30 horas
  • Será necesario inscribirse previamente a través do correo oganapan@gmail.com, especificando o día e hora ao que queren apuntarse e se é para o Espazo Gastro ou o Crea

O programa de lecer infantil O Ganapán, impulsado nas instalacións do Mercado de Abastos pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, desenvolverá unha variada oferta de talleres creativos e gastronómicos durante toda esta Semana Santa. As actividades, que van dirixidas a nenos e nenas de entre 4 e 10 anos, desenvolveranse entre o sábado 27 de marzo e o luns 5 de abril, como vén sendo habitual, en xornadas de dúas sesións con horarios de inicio ás 11:00 e ás 12:30 horas.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, lembrou que todos aqueles rapaces interesados en participar deberán inscribirse previamente a través do correo electrónico oganapan@gmail.com e “terán de prazo máximo para facelo ata as 20:00 horas do día anterior ao comezo das actividades”. A edil socialista precisou que os obradoiros “serán de grupos reducidos, teremos lista de agarda e ao igual que nos anteriores, no caso de que alguén se dea de baixa, chamaremos ao seguinte rapaz. Para que a inscrición sexa válida é obrigatorio mandar nun correo a seguinte información: nome e apelido do neno ou nena, idade, teléfono, día e hora nos que queren apuntarse e indicar se é para o Espazo Crea ou o Espazo Gastro”.

Na xornada do sábado 27 haberá uns talleres de elaboración de flores con materiais de refugallo e flores comestibles, mentres que o domingo 28 celebrarase unha actividade titulada ‘A ra traga bólas’ e elaboraranse flores con sabor a mazá”. “Xa durante a semana, o martes 30 de marzo haberá un obradoiro de poñer ‘O rabo ao coello’ e prepararase unha receita de Semana Santa; o mércores 31 elaboraranse figuras de Pascua e cociñarase unha torta de cenoria; o xoves 1 de abril faranse vidreiras e batidos coloridos, e o venres 2 haberá un taller que consistirá en facer manualidades con pinzas e outro titulado ‘Niños de cores’”, avanzou a edil do PSOE.

A concelleira de Promoción Económica explicou que, “no que atinxe á seguinte fin de semana, o sábado 3 de abril levarase a cabo un taller sobre cabaliños do demo e outro no que se prepararán gofres de plátano, mentres que o domingo 4 realizaranse xirasois con material de refugallo e piruletas de marmelada”. O Ganapán pechará a programación de Semana Santa o luns 5 de abril, nunha xornada na que os máis pequenos terán a oportunidade de realizar diademas de coello e de elaborar filloas de pataca.

Poden obter máis información sobre o programa de Pascua do Ganapán accedendo ao cartel dos talleres a través do seguinte enlace: https://drive.google.com/file/d/1BJlMTzeAigefy9zVrlrCDm9ZZnlpHrcc/view?usp=sharing.