Pontevedra sitúase na vangarda da xestión do ciclo da auga

19
  • O rendemento da rede de abastecemento municipal sitúase no 92,27%, superando o obxectivo do 80% marcado a nível galego para 2023 e o 71 % de media en concellos estatais de entre 50.000 e 100.000 habitantes
  • Pontevedra distribúe 9,5 millóns de metros cúbicos anuais, dos cales máis de 4,6 millóns van para Marín, Vilaboa, Bueu e Poio, e máis de 3,9 millóns para a veciñanza pontevedresa

Na semana na que se conmemora o Día Mundial da Auga, a Concellaría do Ciclo da Auga que xestiona Carme da Silva, fai público o balance relativo ao rendemento do sistema de abastecemento municipal, así como os datos máis salientables do último exercicio.

Neste contexto, o máis salientable sigue a ser a posición de Pontevedra na vangarda na xestión do ciclo da auga atendendo aos obxectivos marcados tanto a nivel galego como estatal. Así, cabe lembrar que o rendemento da rede municipal se sitúa no 92,27% (porcentaxe de auga rexistrada en contadores), o que supera o obxectivo do 80% marcado a nivel galego para o ano 2023 na Lei 9/2019. No marco do Estado, a media de rendemento está no 71% para os concellos de entre 50.000 e 100.000 habitantes, segundo o XVI Estudo nacional de subministro de auga potable e saneamento, realizado Asociación Española de Abastecimientos de Agua y Saneamiento (AEAS) e a Asociación Española de Empresas Gestoras de los Servicios de Agua Urbana (AGA) publicado en 2020. 

Convén lembrar que o Servizo de Augas de Pontevedra xa ten instalados todos os contadores, cuantifica as perdas e pon en marcha todos os anos plans de actuacións, o que lle permite cuantificar os datos de rendemento do sistema. Neste sentido, do 7,73% de auga non rexistrada, as perdas do sistema sitúanse no 2,9% correspondendo o resto a servizos que non se rexistran en contadores.

Carme da Silva lembra que a adecuada xestión ambiental do ciclo da agua sempre foi unha prioridade para o Concello, polo que foi realizando ao longo dos anos un importante esforzo investidor en seguimento, renovación e ampliación da rede de abastecemento de acordo coas premisas da economía circular na xestión da auga.

Datos distribución 2020

Segundo os datos relativos ao exercicio 2020, a rede de distribución municipal subministrou un total de 9.561.088 metros cúbicos. 

Do total de metros cúbicos distribuídos, un total de 4.667.413 van destinados aos concellos de Poio, Marín, Vilaboa e Bueu, e un total de 3.949.724 destínanse aos domicilios do Concello de Pontevedra. A estes datos hai que sumarlle un total de 204.854 metros cúbicos rexistrados en subministros municipais con contador (por exemplo, os Centros Sociais), o que dá un resultado de 8.821.991 metros cúbicos rexistrados por contador (que se corresponde co 92,27%)