Tino Fernández acada a implicación da Zona Franca de Vigo para que Ence quede na comarca “xerando emprego con máis valor engadido”

152
  • O delegado do Consorcio, David Regades, comprométese a deseñar un plan estratéxico que sirva de “folla de ruta para potenciar a xeración de emprego e o futuro de Pontevedra e a súa comarca”
  • Fernández e Regades esíxenlle á Xunta que asuma as súas competencias, abandone o boicot e inclúa a Ence na súa axenda para acceder aos Fondos de Recuperación Next Generation

“Hai uns meses que Tino Fernández me arrincou o compromiso de participar nunha mesa de diálogo para que a Zona Franca de Vigo achegue ideas e propostas que permitan que Ence quede na nosa comarca e xere maior valor engadido, sendo capaces de facer non só pasta de papel, senón tamén produtos elaborados. Ese compromiso segue hoxe en pé con máis forza que nunca, xa que cremos que non se pode perder a oportunidade histórica que temos nestes momentos cos Fondos Next Generation Europe para fortalecer a industria”. Deste xeito confirmoulle o delegado da Zona Franca, David Regades, ao tenente de alcalde e voceiro do Grupo Municipal do PSOE, Tino Fernández, a total implicación do Consorcio nas negociacións sobre o futuro do pasteira e na procura dos terreos máis axeitados para o seu traslado dentro da comarca.

Foi tras un encontro mantido na Sala de Comisións do Concello e no que Fernández e Regades estiveron acompañados polos concelleiros socialistas Yoya Blanco, responsable de Promoción Económica; Iván Puentes, edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, e Marcos Rey, da área de Benestar Social. O voceiro do Grupo Municipal do PSOE asegurou que a reunión celebrada esta mañá, “a primeira” das varias que agardan ter ao longo deste ano e do vindeiro, serviu para tratar “asuntos que cremos de vital importancia para este concello” e agradeceu que David Regades teña sido “tan receptivo” ás súas peticións “para buscar fórmulas de colaboración “que permitan mellorar a situación económica e do emprego nesta cidade”.

Tino Fernández fixo fincapé na importancia da man tendida pola Zona Franca para participar na mesa de negociación de Ence, tanto “polo vencellamento e conexión co Goberno do Estado como pola implicación que supón para resolver un problema que atinxe á provincia e a toda Galicia, xa que afecta ao plan forestal autonómico”. “A axuda que pon sobre a mesa o Consorcio é un elemento novidoso, de moito valor, que significa unha implicación absoluta de tódolos organismos do Goberno para sacar adiante unha solución que pase porque Ence se vaia da ría, pero manteña a súa ubicación na comarca e siga xerando emprego, a ser posible máis emprego con máis valor engadido”, indicou o socialista.

Fernández lamentou que a Xunta de Galicia “non teña pensado en Ence á hora de presentar os seus proxectos aos Fondos de Recuperación Económica Next Generation” e reclamoulle ao Goberno de Feijóo “que deixe de poñerse de perfil e de facer críticas, que asuma que ten as competencias en materia de política industrial e medioambiental, que achegue solucións, que plantexe ideas e que sente a negociar, cando sexa convocada, con boa vontade, non coa vontade de boicotear e sabotar”. O tenente de alcalde afirmou que o PSOE xa propuxera unha mesa de diálogo hai dous anos e medio “e ninguén cría nela naquel momento”, polo que “son dous anos e medio perdidos”, pero que agora “se recoñece que é a única solución: o diálogo e a negociación”.

Regades: “Nunca imos dispoñer de máis fondos que agora”

Neste mesmo sentido, David Regades constatou que “nunca imos dispoñer de tantos fondos públicos e recursos económicos para a reindustrialización de Europa como nestes momentos cos Fondos Next Generation, moi por enriba daquel Plan Marshall de recuperación económica do século pasado”, o que fai incomprensible que a Xunta non incluíse a Ence nesta axenda. Ao seu xeito de entender, “temos que ser capaces entre todos, coa colaboración pública e privada, de facer unha Ence máis moderna, sostible e respectuosa co medio ambiente”, cunha clave xa definida: “Ence non pode seguir na ría de Pontevedra, pero si que ten que seguir na comarca”. “Hai que buscar un emprazamento -apuntou- para que non só se manteña o emprego actual, senón que contemos cunha fábrica moderna, innovadora, que xere riqueza e que deixe máis valor engadido aquí, na cidade e a comarca. Todo elo, vencellado a unha política forestal que faga máis sostibles os nosos montes”.

O delegado da Zona Franca subliñou que “os que teñen competencias en materia industrial e económica” deben aproveitar que, entre as liñas dos Fondos Next Generation, “atópanse as da innovación, unha das claves que debería ter a nova Ence; a sostibilidade e o medio ambiente, e a recuperación de industria en Europa”, polo que “consolidar unha Ence con máis valor engadido e que poida xerar novos produtos cumpre tres dos requisitos fundamentais que está marcando Europa para poder seren beneficiarios das subvencións”, máxime cando se trata dunha empresa “cun potencial de emprego enorme”. “Estou convencido de que este pode ser un proxecto tractor e de hai espazo na comarca de Pontevedra para reubicar esa nova planta”, aseverou.

Para David Regades, o feito de que a Zona Franca de Vigo poida contar cunha maior presenza en Pontevedra “vai repercutir de xeito positivo no emprego e na economía da cidade”, como xa fixo noutros municipios. Non obstante, xa hai máis de 600 empresas en solo desenvolvido por este Consorcio e máis de 20.000 traballadores desempeñando o seu labor nas áreas creadas pola Zona Franca. “Este é o primeiro paso de moitos pasos que imos dar xuntos co Concello de Pontevedra”, engadiu.

Unha análise DAFO, uns workshops e un plan operativo

Entre as liñas de colaboración avanzadas no encontro de hoxe, Tino Fernández salientou a inclusión de Pontevedra “nun plan estratéxico e operativo que a Zona Franca pretende realizar en toda a provincia, que estará estruturado por comarcas, que está en proceso de licitación” e que  permitirá que Pontevedra coñeza a súas ameazas e fortalezas, arroxando luz sobre as vías de crecemento económico e o camiño do futuro. Segundo explicou David Regades, trátase dun plan que terá distintas fases, “a primeira das cales será unha análise DAFO (Debilidades, Ameazas, Fortalezas e Oportunidades) a través dun contrato cunha consultora que se adxudicará nestes días que nos quedan até fin de mes”, que derivará nuns workshops e reunións con cidadáns, axentes sociais e empresarios en instalacións municipais.

“Unha vez que teñamos esa DAFO, imos facer tamén unha análise de casos de éxito que se desenvolveran tanto en España como en Europa e noutros países estranxeiros, para ver se os podemos trasladar e implantar na cidade de Pontevedra”, sinalou Regades.

O delegado da Zona Franca constatou que as ambicións e liñas do plan estratéxico irán da man dun “plan operativo que garanta a súa aplicación, cun cadro de mando para monitorizar tódalas accións”, e que permita analizar as axudas autonómicas, estatais e europeas que poidan darlle “máis fortaleza a este territorio nas súas estratexias económicas, industriais e de creación de emprego”. 

Na súa opinión, este plan estratéxico “é moi ambicioso”, polo que “non podería facerse sen a colaboración do Concello de Pontevedra”, e fará posible “marcar a súa folla de ruta de cara ao emprego e ao futuro”.

Regades tamén indicou que a Concellería de Promoción Económica e a Zona Franca pretenden estender a súa cooperación en materia de emprendemento máis aló da xa existente para a organización do Pont-Up Store, afondando en proxectos que o Consorcio ten en marcha como Vía Galicia, Vía Exterior, Vía Mar e Vía Cultura, de xeito que “teñan unha pegada máis importante nunha cidade chea de forza e talento”.