As axudas para adquisición de ordenadores a piques de rematar o proceso administrativo

177
  • As bases definitivas serán aprobadas mañá nunha sesión extrordinaria da Xunta de Goberno e serán enviadas á Base estatal de subvencións para a publicación no BOPPO e apertura de prazo de solicitudes

A concelleira de Réxime Interior e Contratación, Anabel Gulías informou esta mañá que as bases definitivas para as axudas destinadas á adquisición de equipos informáticos, incluídas no marco do Plan Supera, serán aprobadas mañá nunha sesión extraordinaria da Xunta de Goberno local. Tras esta aprobación serán enviadas á Base estatal de subvencións para a súa posterior publicación no BOPPO e apertura de prazo de solicitudes.

As bases que serán aprobadas mañá xa están colgadas na páxina web do Concello e inclúen as modificiacións que se foron introducindo tras as xuntanzas con diversos axentes sociais, nomeadamente coas Anpa e Fanpa, e que afectan sobre todo aos requirimentos económicos co obxecto de ampliar o abano de posibles familias solicitantes. Anabel Gulías asegurou que o resultado é “unha liña de axudas máis inclusiva e destinada a chegar a esas familias de recursos intermedios, que non están dentro das liñas de vulnerabilidade social do Concello de Pontevedra pero que están pasando unha serie de apuros”. Neste sentido fixo fincapé en que “este Plan Supera ten un compoñente básico que é o de redimensionar todos os instrumentos de axuda do Concello para chegar a máis xente e apostando por axudas que puidesen chegar ás familias que máis o precisan fuxindo, por tanto, dalgunha especialización e intentando que os criterios fosen os máis amplos posibles”. Concretamente, á liña de axudas para adquisición de equipamentos informáticos destínase unha partida de 400.000 euros.

Puntos básicos desta liña de axudas: 

  • Subvencionarase a compra de equipamentos informáticos ata un máximo de 400 euros
  • Subvencionaranse as compras realizadas desde o inicio do estado de alarma, 14 de marzo de 2020,  ata o 31 de decembro de 2021
  • Os equipos informáticos deben ir destinados a alumnado matriculado durante o curso 2020/2021 en educación primaria e educación secundaria obrigatoria, bacherelato, formación profesional básica, formación profesional de grao medio ou educación especial nun centro docente sostido con fondos públicos
  • A unidade familiar debe estar empadroada no Concello de Pontevedra
  • O anticipo desta axudas será do 100%
  • En canto aos requirimentos económicos, terase en conta o número de fillos computables da unidade familiar en relación á renda da unidade familiar, de xeito que para unha familia con 1 fillo ou filla o importe máximo anual é de 39.900 euros (tres veces o SMI), para unha familia con dous fillos/as o importe máximo é de 43.225 euros, para unha familia con tres fillos/as o importe máximo é de 47.215 euros, e pra familias con 4 ou máis fillos/as o importe máximo é de 49.815 euros.

Anabel Gulías tamén lembrou que vén de reactivarse a oficina Supera 21 que contará con recursos para axilizar o proceso de solicitude e xesitón das axudas, como a instalación dun rexistro propio e unha plataforma de intermediación de datos. Tamén informou que visitou recentemente estas instalacións con representantes de Hoempo e que en vindeiros días volverá con representantes de Zona Monumental e da Plataforma de Afectados pola Covid “para que teñan o contacto directo das persoas que van tramitar as axudas e que verifiquen os procesos e a súa axilidade”.