Lores avoga por unha mesa operativa para o traslado de Ence

20
  • O alcalde pontevedrés considera que se realmente se quere avanzar na mesa de traballo debe estar composta exclusivamente pola empresa e polas dúas Administracións con competencias: o Goberno do Estado e a Xunta de Galicia

“Cando se quere resolver un problema noméase un responsable e cando se quere adiar o tema pois créase unha comisión, e canto máis grande e canto máis diversa moito mellor” con esta referencia a unha frase de Napoleón, comezaba o alcalde de Pontevedra a súa comparecencia para fixar a posición do Concello ao respecto da mesa de traballo para o traslado de Ence.

Miguel Anxo Fernández Lores asegurou que son “o Estado, a Xunta e a empresa os que teñen competencias para posibilitar ese traslado de Ence” polo que os instou a “que se reúnan e tomen as decisións pertinentes”. O alcalde indicou que se se quere realmente  traballar polo traslado “o que hai que facer é tomar decisións, coller o toro polos cornos, e sentarse a falar as tres patas que teñen competencias sobre esa cuestión”, en referencia ás Administracións que ostentan as competencias en cuestións como ordenación do territorio, industria ou subvencións e utilización de fondos.

Tamén asegurou que se o Concello é convidado á mesa de negociación, “eu en principio asistirei por cortesía pero sinceramente penso que se se me invita a esa reunión pois non empeza ben”. Neste sentido, asegurou que “canta máis xente máis barullo e menos posibilidades de chegar a un acordo efectivo” e insistiu en que “o máis efectivo é que debe tomar a decisión quen ten capacidade para tomala e sen ningún tipo de interferencias”.

Sobre o traslado da empresa, Fernández Lores lembrou que a posición do Concello “é firme” e que pasa por “recuperar a ría de Pontevedra e que Ence se traslade a outra ubicación”, co obxecto de que “a ría de Pontevedra poida medrar ou evolucionar no seu máximo esplendor, que ademais estamos convencidos de que será positivo para Pontevedra e para a comarca no sentido de que xerará actividade económica noutros sectores máis acaídos para unha ría de alto valor ecolóxico”.