Varias tendas deportivas de Pontevedra colaboran nunha campaña de recollida da ‘Rara, pero San Silvestre’ para o Banco de Alimentos

193
  • A Concellería de Deportes distribúe entre os negocios participantes camisetas da proba, que as persoas inscritas poderán trocar por un quilogramo de produtos non perecedoiros

Nove tendas de Pontevedra participan desde hoxe nunha campaña posta en marcha pola ‘Rara, pero San Silvestre’ co obxectivo de recoller produtos non perecedoiros para o Banco de Alimentos de Pontevedra e, ao mesmo tempo, dar a coñecer ás familias negocios  dos que non eran clientes habituais. Nesta iniciativa, a Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde procedeu á distribución de camisetas promocionais da ‘clásica’ de final de ano entre os establecementos comerciais participantes, que as persoas inscritas na proba poderán pasar a recoller a cambio dun quilogramo de alimentos.

En concreto, as tendas nas que se poden atopar as camisetas son as seguintes: Naturcamiñ@ (situada na praza Peregrina, 3), Miler (rúa Peregrina, 6), Atmósfera Sport Pontevedra (rúa Cruz Gallástegui, 10), Chico’s Sport (Galerías Oliva, 14), Aquadance (rúa Fray Juan de Navarrete, 11), Chema Sport (rúa Benito Corbal, 14), El Puerto Bike Work Shop (rúa Domingo de Andrade, 1), Goleada (rúa Fernando Olmedo, 4), Txustta (rúa Peregrina, 66) e Soccerfactory (rúa Cobián Roffignac, 11). Co obxectivo de ‘obrigar’ aos usuarios a que visiten outros establecementos diferentes dos seus de confianza e coñezan os seus artigos, o Servizo Municipal de Deportes decidiu repartir as camisetas por tallas, de xeito que en cada tenda pódense atopar esencialmente ‘elásticas’ dunha talla determinada.

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Actividade Física e Saúde, Tino Fernández, achegouse esta mañá ata Goleada, o comercio que lle tocou en sorte pola súa talla, para depositar a súa achega ao Banco de Alimentos e retirar a súa camiseta da ‘Rara, pero San Silvestre’.

Segundo explicou o edil socialista, “para recibir a prenda é necesario dicir o nome e a dirección de correo electrónico coa que o participante se inscribiu na proba atlética, ademais de entregar o quilogramo de alimento non perecedoiro”. “A data límite para depositar as achegas solidarias e recoller o material de agasallo será o mércores 30 de xuño”, aclarou Tino Fernández.

Soccerfactory ‘dobrará’ a cantidade que os pontevedreses depositen

Os responsables de Soccerfactory amosaron a súa enorme implicación nesta campaña, adoptando a decisión de achegar ao Banco de Alimentos o dobre dos produtos perecedoiros que a xente deposite na súa tenda: este negocio aportará así a mesma cantidade de alimentos que lle deixen os pontevedreses.