A impermeabilización do depósito da ETAP de Lérez de maior capacidade supón a súa renovación total

28
  • A actuación neste depósito, que data 1988 e ten capacidade para 15.000 metros cúbicos, suporá un importante aforro enerxético no funcionamento das instalacións

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado polo concelleiro de Infraestruturas Hidráulicas, Raimundo González, pola concelleira do Ciclo da Auga, Carme da Silva e por responsables da empresa Viaqua, visitou esta mañá a fase final das obras de impermeabilización do depósito da ETAP de maior capacidade. Concretamente trátase do depósito construído en 1988 e cunha capacidade de 15.000 metros cúbicos, sendo o de máis capacidade dos 8 depósitos cos que conta actualmente o sistema de abastecemento de Pontevedra.

Fernández Lores salientou durante a visita que as obras que se están realizando incrementarán o aforro enerxético das instalacións, posto que se evitan as perdas de auga e o conseguinte bombeo que se necesitaba para recuperar a auga filtrada. Convén lembrar que esta instalación presentaba perdas de auga entre os paneis prefabricados de formigón que forman as paredes e entre as xuntas dos propios paneis coas zapatas e a soleira do pavimento. Así, as obras están encamiñadas a acadar a impermeabilización completa en todos os paramentos interiores -paredes, soleira e teito-, así como na cuberta e no muro frontal. O importe desta obra ascende a 544.808,21 euros e está incluído dentro das melloras do contrato da auga. 

A este respecto, o alcalde enmarcou esta actuación nos “investimentos continuados” que se levan realizando nas infraestruturas do ciclo da auga e que sitúan a Pontevedra “na vangarda do rendemento do servizo con cifras que nos colocan por diante da media estatal e mesmo por riba do que prevé a nova lexislación”. Deste xeito referíase ao preto do 93% de auga rexistrada respecto do 100% de auga depurada en Pontevedra, fronte ao 80% de auga rexistrada que se exixe na lexislación. Miguel Anxo Fernández Lores asegurou que “estamos orgullos de estar na vangarda porque desde hai moito tempo, desde o goberno muncipal en colaboración coa empresa concesioanria, estamos traballando seriamente por un ben público como é a auga”. 

No marco das visitas que se están a realizar a distintas instalacións muncipais con motivo da semana na que se conmemora o Día Mundial da Auga, o alcalde volveu poñer en valor o traballo que se realiza para ampliar e manter a rede de abastecemento en condicións óptimas para dar servizo tanto ao conxunto da veciñanza de Pontevedra como aos demais concellos da área da ría de Pontevedra. Neste punto, fixo fincapé en que Pontevedra conta con capacidade para abastecer durante dous ou tres días a toda a área grazas aos 8 depósitos actuais, aos que se prevé sumar o de Valadares, o que permitirá almacenar un total de 44.580 metros cúbicos.

Rede de depósitos

Depósito de San Amaro. En 1883, Alejandro Rodríguez Sesmeros presenta á corporación municipal o primeiro proxecto moderno de abastecemento de augas para Pontevedra. O estudo baséase na ampliación do caudal subministrado á cidade mediante a construción nas inmediacións de San Amaro dun depósito dende o cal, mediante unha tubaxe de ferro se distribuía a auga cara ás principais fontes públicas. Este depósito construíuse no ano 1886 e está executado en sillería. Conta con dous vasos, a súa capacidade é de 1.000 m³ e está situado a unha cota de 70 m. s. n.m.  Este depósito serve como cámara de bombeo para a subministración aos depósitos de O  Campiño I e II, ao Colexio Príncipe Felipe e ao Centro Hospitalario de Montecelo.

Depósito de Lérez. En 1928 constrúese o depósito do Lérez, que recibiu inicialmente as súas augas do encoro do Pontillón do Castro e agora tamén do bombeo de Monte Porreiro. Ten dous vasos, e unha capacidade de 6.000 m³ e está situado na cota 83  m.s.n.m.

Dende este depósito aliméntanse a rede de distribución, o depósito de Castelo e o depósito de San Amaro, actuando este como cámara de rotura de carga e considerado como depósito de regulación.

Depósito Castelo. Este depósito está executado en formigón armado. É dun só vaso, a súa capacidade é de 80  m³ e atópase a unha cota de 179  m.s.n.m. Aliméntase desde un bombeo situado no depósito de Lérez.

Depósito do Campiño I. Este depósito executouse en formigón armado no ano 2007. Dispón de dous vasos, a súa capacidade é de 1.000  m³ e está situado a unha cota de 374  m. s. n.m. Aliméntase desde o bombeo situado no depósito de San Amaro.

Depósito do Campiño II. Este depósito está executado no ano 2011 e está executado en formigón armado. O depósito é dun só vaso, a súa capacidade é de 3.000  m³ e está situado a unha cota de 367  m. s. n.m. Aliméntase desde o bombeo situado no depósito de San Amaro. Os depósitos do Campiño I e II están intercomunicados, para permitir intercambiar as zonas de subministración dos mesmos.

Depósito ETAP I. O depósito da ETAP ten 15.000 m3 de capacidade, construído en formigón armado. Este depósito conta cun único vaso e está situado a unha cota de 96  m. s. n.m. Posto en servizo en xullo de 1988. Nestes momentos atópase fora de servicio o estar en obras de impermeabilización.

Depósito ETAP II. O  depósito ten un único vaso de 12.500 m³, e situase na cota de 98,25  m. s. n. n.. Inaugurouse en xullo 2015. Deste novo depósito aliméntase o bombeo, que fornece auga ao depósito de  Castro Senín en Mourente.

Depósito Castro Senín – Mourente. Este depósito construíuse no ano 2015 e está executado en formigón armado. O depósito é de dous vasos, e a súa capacidade é de 3.000 m³ . Está situado a unha cota de 227  m. s. n.m. Aliméntase desde o bombeo situado na ETAP de Lérez.