Benestar Animal pon en marcha os traballos para renovar a cuberta do refuxio de Os Palleiros

277
  • O proxecto impulsado por Marcos Rey suporá un investimento de máis de 16.000 €, estará rematado no prazo dun mes e permitirá acabar cos problemas de filtracións da canceira
  • A actuación será executada pola empresa Edigrup Global SL e traducirase na instalación dunha cuberta inclinada de paneis tipo ‘sándwich liso’ de 30 mm de espesor e 1150 mm de ancho

O tenente de alcalde, Tino Fernández, e mailo concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey, desprazáronse esta mañá ata a parroquia de Campañó para supervisar o inicio dos traballos impulsados polo Concello para renovar a cuberta da protectora xestionada polo colectivo Os Palleiros. O proxecto está a ser executado pola empresa Edigrup Global SL, Obras e Servizos, suporá un investimento de 16.319,39 euros e ten o obxectivo de poñer fin aos problemas de filtracións de auga que o edificio da canceira municipal padece durante as épocas de choiva.

As obras de acondicionamento do tellado do refuxio comezaron coas tarefas de desmontaxe manual da deteriorada cuberta de chapa de aceiro actual, que se realizará mantendo as estruturas auxiliares e os elementos ás que está suxeita. A continuación procederase á instalación dunha estrutura auxiliar á existente (cun tubo estrutural e a apertura de buracos en panel para a súa ancoraxe) e á colocación dunha nova cuberta inclinada de paneis tipo ‘sandwich liso’ de 30 mm de espesor e 1.150 mm de ancho, cunha pendente maior do 10%, así como dos tapaxuntas e remates precisos.

Segundo explicou Marcos Rey, “o proxecto tamén contempla o subministro e instalación no exterior do edificio de canalóns e baixantes circulares de aluminio, colocadas con abrazadeiras do mesmo material (e dotadas dun sistema de unión mediante abocardado), para favorecer a óptima recollida de augas pluviais”. 

“Os traballos teñen un prazo de execución estimado dun mes e permitirán solucionar estes problemas de filtracións que se teñen convertido nun auténtico quebradeiro de cabeza para os responsables de Os Palleiros, ao afectar a espazos destinados á estancia de cadelas con cachorros, á recuperación de cans sometidos a intervencións cirúrxicas e ao illamento de animais enfermos, así como ao propio teito do quirófano, onde a auga entra por unhas fisuras moi próximas á lámpada da mesa de intervencións”, subliñou o concelleiro do PSOE.

Pola súa banda, Tino Fernández lembrou que esta situación de deterioración foi consecuencia do efecto do paso do tempo e das inclemencias climatolóxicas “nun tellado que, ao contrario que o resto do edificio do refuxio animal, non se fixera de novo e foise ‘parcheando’ ata a data”. “É o momento de darlle unha solución axeitada e duradeira”, subliñou o tenente de alcalde.

Os residuos de construción que se produzan durante as vindeiras semanas como resultado das actuacións serán recollidos nun contedor cunha capacidade de 8 metros cúbicos e transportados posteriormente a un vertedoiro autorizado.