Os Vermús de Pinto e Maragota regresan co gallo do Día Internacional da Visibilidade Trans cun encontro lector protagonizado por Nee Barros

19
  • A actividade, que terá como eixo a obra ‘Identidade’, desenvolverase o mércores 31 de marzo na Libraría Paz con aforo reducido e será retransmitida en streaming a través das redes sociais
  • Aquelas persoas interesadas en participar no encontro, que dará comezo ás 19:30 horas, poderán reservar a súa entrada na dirección de correo electrónico info@pintoemaragota.gal

Os Vermús de Pinto e Maragota, impulsados pola Concellería de Igualdade para promover a diversidade sexual e de xénero con propostas que ‘maridan’ lecer, música e cultura, regresarán o vindeiro mércores 31 de marzo, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Visibilidade Trans. Farao coa celebración dun encontro lector sobre literatura visible co autor Nee Barros Fernández, que terá como escenario a Libraría Paz (rúa Peregrina, 29), que dará comezo ás 19:30 horas e na que o eixo condutor será o seu libro ‘Identidade. A normalidade do non-común’, unha obra de teatro publicada este ano por Editorial Galaxia.

A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, aclara que o encontro “vaise desenvolver de xeito presencial, con aforo reducido, e tamén será retransmitido en directo, vía streaming, a través das redes sociais do Concello de Pontevedra, #PonteLovers e Pinto e Maragota”. “Todas aquelas persoas interesadas en participar -precisa a edil socialista- poderán reservar a súa entrada de balde a través da dirección de correo electrónico info@pintoemaragota.gal”.

Tal e como avanza Blanco, ‘Identidade’ é unha obra de teatro que “pretende visibilizar a realidade trans”, que “fala da liberdade, da necesidade de ser e, sobre todo, da identidade”, cun protagonista, Zé, que “vive unha historia chea de valentía, loitando a contracorrente por construír a súa propia identidade” e que “coa complicidade dos seus amigos e a súa familia, percorrerá un camiño no que moitas vendas negras, que tapan os ollos e a alma, caerán ao chan”. O libro foi escrito en 2017, cando o seu autor tiña 14 anos e, aínda que está pensado para un público adolescente, resulta moi interesante para aquel máis adulto ou con máis experiencia lectora, que tamén pode aprender e/ou cuestionarse a través das súas páxinas.

“Nun momento de odio contra o colectivo trans, é preciso que autores como Nee Barros se revelen, conten as súas historias e axuden á sociedade a visibilizar que o aparentemente ‘non-común’ tamén é normal”, asegura a concelleira de Igualdade.

Sobre o autor

Nee Barros naceu en 2002 e dende pequeno adorou a literatura, o que o levou a escribir teatro, relatos, poesía… A finais de 2020 autopublicou con Arte Calavera o seu primeiro libro, ‘19 poemas para un virus-19’. A súa obra literaria acadou multitude de recoñecementos, entre os que se inclúen o primeiro premio nas XV e XVI edicións do Certame de Curtis, o terceiro posto nos Premios Minerva do 2020 e varios galardóns nos certames da RAG e Puntogal, no de guións de radioficción de Cuac FM, no do Facho e nos de Pontedeume, Ames, Cambre, Vilalba, Ben Veñas Mario e Lingua de Namorar. 

Unha das súas pezas breves de teatro, ‘A metamorfose forzada ou xuízo nun acto’, foi publicada na revista Erregueté como premio polo V certame Testeatro. Ademais, a súa canle de YouTube, na que explica temario de historia da literatura galega e intenta difundila, acaba de ser nomeado para os premios Follas Novas.