A ‘revolución urbana’ de Pontevedra,  estudo de caso nos Cadernos de Estratexia do Ministerio de Defensa

16
  • O volume analiza o papel das cidades en relación ao desenvolvemento sostible e recolle exemplos de boas prácticas exitosas no conxunto do Estado
  • Pontevedra abre o capítulo dedicado a estudos de caso e, dos 15 que se recollen, é o único dedicado a ordenación urbana

“Una revolución urbana exitosa” é o título do estudo de caso sobre o modelo urbano de Pontevedra recollido no volume ‘Cuadernos de Estrategia 206’, editado polo Instituto Español de Estudios Estratégicos, centro de investigación dependente do Ministerio de Defensa. 

A publicación leva por título “Las ciudades: agentes críticos para una transformación sostenible del mundo” e trata de analizar o papel das urbes do Estado en relación ao obxectivo 11 de desenvolvemento sostible da Axenda 2030, incluíndo 15 exemplos de boas prácticas sobre ordenación do espazo urbano, infraestruturas verdes, mobilidade sostible, economía circular, xestión da enerxía, vivenda e seguridade co obxecto de repensar as cidades desde a gobernanza.

O exemplo do modelo urbano de Pontevedra, que abre o capítulo dedicado a estudos de caso e é o único sobre ordenación urbana, fai un percorrido polo traballo realizado polo goberno municipal desde o ano 1999 ata a actualidade. Así, recóllense os principais aspectos que fundamentaron a tansformación urbana, como son a concepción do espazo público como un dereito universal básico, a democracia directa nos espazos públicos, a prioridade absoluta ás persoas e a perspectiva de xénero. Tamén se detallan as principais medidas e actuacións realizadas como a peonalización dos espazos, a reordenación e calmado do tráfico, e a atención aos estándares de calidade tanto no deseño urbano como no posterior mantemento; así como os resultados numéricos en canto a redución de tráfico nas diferentes áreas da cidade, e os datos de violencia viaria relativos ao descenso do número de falecidos por atropello e dos accidentes graves. Nas conclusión do apartado dedicado a Pontevedra pónse de manifesto como a transformación urbana da cidade levou parella un aumento da vida pública e unha maior conciencia a respecto da prioridade das persoas sobre o uso do espazo público. Tamén se mencionan os galardóns internacionais concedidos a Pontevedra en relación a deseño urbano e a mobilidade sostible e como, atentendo á situación sanitaria derivada da pandemia da Covid, expertos e cidades de todo o mundo buscan información e asesoramento no modelo pontevedrés de cara a buscar solucións ás necesidades de espazos que permitan garantir medidas sociais de seguridade.

O capítulo dedicado a boas prácticas está coordinado por Esperanza Caro Gómez que para o estudo de caso de Pontevedra contou con información proporcionada polo concelleiro de Mobilidade, César Mosquera.