A Xunta non autoriza o paso de peóns sobreelevado no núcleo de centralidade de Marcón

40
  • O Concello volverá solicitarlle á Administración autonómica que reconsidere a decisión posto que se trata dunha zona cun importante volume de tránsito peonil que precisa de elementos de calmado do tráfico

A portavoz do Goberno municipal, Anabel Gulías informou esta mañá que a Xunta vén de denegar a autorización para a instalación do paso de peóns sobreelevado que se inclúe no proxecto do futuro núcleo de centralidade de Marcón. Este elemento de calmado de tráfico estaría ubicado, segundo o proxecto, na estrada PO-542 e uniría a área do núcleo de centralidade co camiño que discorre cara a Igrexa de Marcón.

Segundo explicou Anabel Gulías, o informe de Estradas de Galiza indica que non autoriza este paso de peóns por entender que non cumpre as condicións establecidas na Ordenanza de Fomento, concretamente por non tratarse dun treiro urbano e por superarse os límites establecidos para intensidade de vehículos normal e pesados.

A portavoz do Goberno xa anunciou que desde o Concello se volverá remitir un escrito á Xunta para que reconsidere esta decisión por entender que se trata dun punto que conta cun importante volume de tránsito peonil e que precisa de elementos de calmado de tráfico. Anabel Gulías asegurou que “xusto ese lombo ten bastante lóxica porque está pensado para reducir a velocidade nunha estrada altamente transitada, con velocidades maiores das recomendadas e cun certo risco pola pendente que favorece que se colla más velocidade na baixada”. 

Neste sentido lembrou que este elemento é indispensable atendendo a “que a nosa filosofía era crear un espazo de estancia e un espazo seguro”. Tamén fundamentou a  nova solicitude á Xunta en que “a normativa de Fomento non ten demasiada coherencia para a ordenación da poboación en Galiza”, e nomeadamente, no caso das parroquias e dos núcleos de poboación dispersos.

Prórroga nas obras da rúa da Torre

A sesión da Xunta de Goberno desta mañá tamén aprobou a solicitude da empresa adxudicataria da reforma integral da rúa da Torre, EC Casas, para a ampliación de prazo de execución as obras por un período dun mes. O motivo para esta amplicación é permitir que se manteña o vial aberto ao tráfico durante a execución das unidades de obra que faltan por realizar. 

Convén lembrar que esta intervención implica a rehabilitación integral do firme de toda a rúa con plataforma única, o calmado do tráfico e a renovación da iluminación pública, e  que conta cun orzamento de 91.499,99 euros

Reanudación obras local GDR

Na mesma sesión da Xunta de Goberno local tamén se deu luz verde á reanudación das obras do futuro local do GDR, a que era a antiga escola de Os Campos, e que foran suspendidas o pasado 8 de febreiro tras detectarse un problema estrutural na edificiación. 

Esta circunstancia fixera necesario encargar un proxecto modificado para solventar o problema e reforzar a estrutura do edificio. O proxecto modificado incrementa o orzamento da obra en 85.158,04 euros, o que sitúa o orzamento total en 523.608,09 euros, e o prazo de execución amplíase en 3 meses máis.