Aberto ao tránsito peonil o ‘novo’ cruzamento de Benito Corbal con De la Sota e Cobián Roffignac

54
  • Está instalado o novo pavimento na zona central, o que permite apreciar a conversión deste espazo en praza circular
  • Tan só queda por substituír o pavimento nas esquinas do antigo cruzamento, traballos para os que se calcula un prazo de tres semanas

A concelleira de Sostemento de Espazos Urbanos, Eva Vilaverde, e o concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, visitaron esta mañá as obras que están a converter o  antigo cruzamento das rúas Benito Corbal con Daniel de la Sota e Cobián Roffignac nunha praza circular, e que acaba de ser aberta ao tránsito peonil. A pé de obra, Demetrio Gómez explicou que nun prazo aproximado de tres semanas se espera ter toda a obra rematada e totalmente operativa. 

Concretamente, os traballos que restan por facer pasan por demoler as catro esquinas do antigo cruzamento (traballos que comezaron no día de onte) para pasar a instalar o novo pavimento e facer o correspondente entronque coas rúas coas que lindan. O concelleiro asegurou que estes traballos finais “son moi complexos, case de marquetería” e que se realizarán tratando de influír o menos posible nos comercios desa área. 

En liñas xerais, lembrou que “a obra foi moito máis complexa do esperado nun principio porque pasou de ser unha obra de pavimentación a transformarse nunha rehabilitación integral desta zona, que vai quedar xa lista para uns 25 ou 30 anos”. Neste sentido, convén lembrar que, tras detectarse dun pozo deteriorado na rede de saneamento que estaba a producir filtracións e deteriorando toda a área ao seu arredor, se tomara a decisión de renovar a rede de saneamento, coa substitución de 42 metros de tubaxe nun novo trazado.

A praza circular que se está a crear no entronque destas tres rúas funcionará como un espazo de estancia, de preferencia peonil e de alta calidade urbana, cun pavimento de formigón puído confinado entre bandas de pedra.