O Concello programa a posta a punto do paseo peonil de Beiramar

30
  • A Concellaría de Sostemento de Espazos Urbanos procederá a revisar todo o itinerario peonil, cambiar luminarias a tecnoloxía led, e arranxar báculos deteriorados e desperfectos en mobiliario urbano 

A concelleira de Sostemento de Espazos Públicos Urbanos, Eva Vilaverde, anunciou esta mañá que desde o seu departamento se iniciará una posta a punto do paseo peonil de Beiramar, atendendo ao importante volume de tránsito peonil que se prevé vaia en aumento a partires da primavera. Así, indicou que “todo o paseo de Beiramar é un espazo moi utilizado polos veciños e veciñas de Pontevedra e é evidente que a partir de agora, en primavera e verán, a presenza de persoas se vai multiplicar e queremos que estea nunha situación óptima para os paseos, a práctica do deporte e para o esparcemento”. 

Eva Vilaverde situou esta “posta a punto primaveral” nunha mellora que se sumará á apertura do novo tramo do paseo cara a Marín, que está executando Fomento, e que asegurou “nos permitirá desfrutar dunha zona privilexiada pegada ao centro urbano”. 

A concelleira explicou que, aínda que algúns traballos xa comezaron, a idea é acometer a actuación ao longo do mes de abril cunha primeira fase que se centrará no treito comprendido entre a rotonda de Malvar ata a ponte das Correntes.

Esta actuación inclúe os seguintes traballos:

  • Revisión do itinerario peonil para garantir que estea en óptimas condicións, arranxando as deficiencias e deterioros en lousas de pedra, pizarra ou formigón, así como de lastros e láminas de madeira que hai ao longo do paseo. Estes traballos corren a cargo das brigadas municipais, que xa comezaron cunha pequena intervención debaixo da ponte da Barca, co arranxo de lousetas e láminas da pasarela peonil que estaban máis deterioradas e de cara a evitar situacións perigosas. 
  • Mellora da eficiencia enerxética e das condicións lumínicas nas instalacións existentes na avenida de Marín, desde a rotonda de Malvar ata a rotonda de San Roque. Concretamente actuarase en 124 balizas e 81 luminarias das farolas altas. Esta actuación ten un importe de 48.398,51€
  • Arranxo e mellora das balizas no paseo da avenida de Uruguai, desde as Corvaceiras ata pasada a ponte das Correntes. Revisaranse as 76 balizas para cambialas a tecnoloxía de baixo consumo, e pintaranse e revisaranse todas as luminarias altas. O importe dos traballos deste tramo é de 1.433€
  • Mellorar o aspecto dos báculos das 17 farolas galvanizadas existentes no primeiro tramo da avenida de Marín cun pintado anti-corrosión.  
  • Revisión e arranxo de todos os bancos existentes en todo o percorrido do paseo. Comezarase revisando os 15 do paseo da avenida de Marín situados a ambas marxes e nos s dous miradoiros. Esta actuación conta cun orzamento de 18.029€.
  • Revisar o estado de toda a varanda ao longo do paseo ata a ponte das Correntes.
  • Reposición das bicicletas, e os correspondentes soportes, que permanecían na isleta da rotonda da avenida de Marín.
  • Cambio e mellora da iluminación na parada de autobús das Corvaceiras. Esta actuación conta cun importe de 12.410,81€.