AECC e Deportes impulsan un programa de Rutas Saudables gratuítas abertas a toda a poboación para combater o sedentarismo

79
  • A iniciativa foi presentada pola presidenta da AECC, Carmen Abeledo, e o tenente de alcalde, Tino Fernández, coincidindo coa conmemoración do Día Mundial contra o Cancro de Colon
  • A proposta, que nace co obxectivo de fomentar unha vida saudable, porase en marcha o 12 de abril, terá como escenario A Xunqueira de Alba e desenvolverase cada semana en tres grupos diferentes

A Asociación Española contra o Cancro (AECC) de Pontevedra e a Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde porán en marcha o luns 12 de abril o programa Rutas Saudables, unha iniciativa aberta a toda a poboación e que nace co obxectivo de combater o sedentarismo a través de camiñadas ao aire libre polo contorno natural da Xunqueira de Alba. Os itinerarios a pé, que se integrarán no proxecto do MetroSan, sairán desde as Ruínas de Santo Domingo e desenvolveranse cada semana en tres grupos distintos: o do luns con saída ás 11:00 horas, o dos mércores ás 17:00 horas e o dos xoves ás 11:00 horas.

Esta iniciativa de fomento da vida saudable e o exercicio físico, froito dun acordo de colaboración asinado entre o Concello e a entidade social, foi presentada esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal, coincidindo coa conmemoración do Día Mundial contra o Cancro de Colon, polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; a presidenta da AECC de Pontevedra, Carmen Abeledo, e a responsable do programa, Rebeca Castro, do departamento de Atención Psicolóxica, Voluntariado e Prevención da AECC. Tal e como sinalou Abeledo, a elección desta data busca subliñar os prexuízos que o sedentarismo ten na vida das persoas, xa que “o sedentarismo ou falta de actividade física incrementa o risco de padecer cancro de colon entre un 20 e un 25%, e por iso é tan importante a presentación deste programa”.

Tino Fernández explicou que “cada semana, os grupos percorrerán unha distancia aproximada de 5 quilómetros, camiñando ao aire libre polas marismas de Alba, coa finalidade de fomentar hábitos de vida saudables entre as persoas, que axuden a reducir o risco de padecer enfermidades como o cancro”. “A duración prevista para estas rutas semanais é de aproximadamente unha hora e media e serán guiadas sempre por un voluntario. A iniciativa ten carácter gratuíto, con prazas limitadas, e estará aberta a todas aquelas persoas que queiran iniciarse nunha actividade beneficiosa para a súa saúde. @s intersad@s deberán inscribirse a través do teléfono da AECC (986 86 52 20) ou da dirección de correo electrónico pontevedra@aecc.es”, indicou o tenente de alcalde.

Rebeca Castro asegurou que esta proposta inaugural do programa prolongarase “durante 20 semanas”, xa que “queremos fomentar a actividade física periódica”, comezando con “grupos de cinco persoas ata que as restricións sanitarias nos permitan incrementar o número de participantes”. “Gustaríamos -aclarou Castro- que actividade conte con colaboracións, charlas temáticas e variacións de percorrido aproveitando o proxecto do MetroSan. Contaremos cun pasaporte de rutas que se irá selando e, cando os participantes acaben 16 das 20 saídas, un 80%, terán unha recompensa. Están abertas a calquera tipo de persoa, sen límite de idades, pero queremos implicar a esas persoas máis sedentarias e, por iso, imos valorar que rematen a actividade”.

Proporanse itinerarios alternativos integrados no MetroSan

Segundo apuntou Rebeca Castro, aínda que as tres rutas semanais coas que se pon en marcha o programa desenvolveranse “no itinerario ‘base’ da Xunqueira de Alba, a nosa intención é contar con colaboradores puntuais, que varíen o percorrido físico, ou realizar variacións que nos soliciten os propios participantes ou os voluntarios dinamizadores, así como as que nos suxiran desde o departamento de Prevención da AECC”. Neste sentido, Tino Fernández constatou que “conforme avance o proxecto municipal MetroSan, impulsado pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde, este programa inicial de Rutas Saudables poderá integrarse na rede de roteiros e ir plantexando itinerarios alternativos, polo que se trata dunha proposta flexible”. 

A presidenta da AECC lembrou que a Organización Mundial da Saúde recomenda que as persoas adultas “dediquen cando menos 50 minutos semanais a realizar exercicio físico moderado” e que este tipo de actividades “axudan a mellorar a flexibilidade e a forma física” e, ao realizarse en grupo, “sempre resulta máis fácil e motivador”. 

Tino Fernández destacou o “esencial papel da AECC como entidade de referencia na loita contra o cancro desde hai 67 anos, dedicando o seus esforzos a amosar a realidade do cancro en España, detectar áreas de mellora e poñer en marcha un proceso de transformación social que permita corrixilas para obter unha abordaxe integral e multidisciplinar”. “No seu ADN está permanecer ao lado das persoas, orientando tamén o seu traballo a previr o cancro; estar con elas e as súas familias durante todo o proceso da enfermidade, e mellorar o seu futuro co fomento da investigación oncolóxica”, asegurou o edil socialista.

A este respecto, cabe destacar que a AECC, a través da súa Fundación Científica, aglutina a demanda social de investigación contra o cancro, financiando por concurso público programas de investigación científica oncolóxica de calidade. A día de hoxe, trátase da entidade social e privada que máis fondos destina a investigar o cancro: 70 millóns de euros en 380 proxectos. 

A Asociación integra a pacientes, familiares, persoas voluntarias e profesionais que traballan unidos para previr, sensibilizar, acompañar ás persoas afectadas e financiar proxectos de investigación que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro. Estruturada en 52 sedes provinciais e presente en máis de 2.000 localidades españolas, conta con case 30.000 persoas voluntarias, máis de 454.000 socios e 1.007 profesionais. Desde 2019, a AECC leva atendidas 318.264 persoas afectadas pola enfermidade.