O aforro enerxético do ciclo da auga de Pontevedra equivale a un bosque de 16.000 árbores

32
  • A comparativa do consumo enerxético entre o ano 2010 e o 2020 supón unha redución do 35% en kWh e en emisións de CO2 
  • O ciclo da auga de Pontevedra superou o obxectivo da UE de reducir nun 20% as emisións de CO2 no ano 2020

Pontevedra reduciu, entre o 2010 e o 2020, o consumo enerxético no conxunto do ciclo da auga nun 35%. Así, en 2010 precisaba 3.831.000 kilowatios ao ano para o correcto funcionamento do sistema de abastecemento, mentres que en 2020 este consumo reduciuse ata os 2.501.000 kilowatios. 

A tradución deste consumo de enerxía a emisións de CO2, dá como resultado que en 2010 se emitían 923.099 kg de CO2, mentres que en 2020 estas emisións se reduciron ata os 602.500 kg de CO2 (o cálculo das emisións realizouse co coeficiente de equivalencia de 2019, posto que o de 2020 aínda non foi publicado). Deixáronse de emitir, polo tanto, 320.599 kg de CO2 o que equivale a un bosque de 16.000 árbores, calculado a partires de que unha árbore absorbe entre 10kg e 30 kg de CO2 ao ano (para o cálculo utilizouse a media de 20kg por árbore ao ano).

Tamén convén lembrar que a UE fixa nun 20% a redución de emisións de CO2 para o período 2014-2020, obxectivo a acadar en 2020, polo que Pontevedra supera esta meta no funcionamento do ciclo da auga. Cumprir, e mesmo superar, obxectivos relacionados coa emerxencia climática está na liña da estratexia Efecto PO2, na que Pontevedra está a enmarcar todo o traballo realizado desde o eido local para contribuír á loita contra o cambio climático e o mantemento do medio.

A Concellaría do Ciclo da Auga, que xestiona Carme da Silva, acada deste xeito un alto grao de eficiencia do sistema de abastacemento, non só no relativo a rendemento e eliminación de perdas de auga, senón que engade o aforro enerxético como un aspecto fundamental e como consecuencia directa de todas as melloras e investimentos realizados ao longo dos últimos anos. 

Entre as actuacións máis salientables para acadar o mencionado aforro enerxético, sitúanse as obras de mellora no rendemento hidráulico, a posta en marcha da dobre condución do Pontillón do Castro, o cambio de bombeos para mellorar a eficiencia enerxética e accións ecamiñadas a reducir o consumo.