Arranca a última fase do saneamento de Santa María de Xeve

11

As obras comezaron nestes días polo lugar de Gatomorto e permitirán completar todo o saneamento na parroquia.

Esta acción levará a rede xeral aos lugares de Gatomorto, Igrexa, Couso, Frieiro e Fontáns cun orzamento de máis de 2,9 millóns de euros, é dicir, un investimento de 18.000 euros por vivenda.

A Concellaría responsable das infraestruturas hidráulicas do Concello, que xestiona Raimundo González Carballo, iniciou estes días as últimas obras de saneamento de Santa María de Xeve, coas que completará a conexión de toda a parroquia á rede xeral de sumidoiros. O orzamento desta actuación é de 2.973.829,63 euros o que supón unha achega de 18.000 euros por vivenda. 

Os traballos comezaron polo lugar de Gatomorto pero tamén conectarán Igrexa, Couso, Frieiro e Fontáns, até dar servizo a 168 vivendas en total. Nestes lugares xa se ten instalada parte da rede, pero agora completarase até chegar á zona de Fontáns, que non dispón deste servizo.

Ao igual que na maior parte das parroquias, a rede de saneamento pódese facer grazas ao labor colaborativo dos veciños e veciñas cos que se estivo a facer xuntanzas para mellorar o trazado da rede de sumidoiros. De feito, autorizouse o paso por 27 parcelas privadas. 

Esta actuación implementarase cun proxecto de menor contía para a conexión do novo campo de fútbol de Santa María de Xeve, que na actualidade está dotado cunha fosa séptica. Existía unha preocupación por parte da veciñanza xa que na zona existen varios mananciais e esa fosa séptica estaba próxima a eles. 

Este último proxecto de saneamento para conectar a parroquia de Santa María de Xeve ten un prazo de execución de 18 meses.