O Pazo da Cultura corrixe os problemas de accesibilidade da cafetería construíndo uns novos cuartos de baño

21

Está previsto un engadido á cafetería, entre o cubo de entrada á sala de exposicións e a entrada principal do Pazo.

Esta construción tamén permitirá dar maior independencia á cafetería, que nestes momentos permanece pechada ao rematar a concesión. A Concellaría xa traballa na redacción dos novos pregos para sacala a concurso.

A Concellaría de Cultura, que dirixe Carmen Fouces, vén de aprobar unha pequena reforma das instalacións do Pazo da Cultura para dar maior independencia á cafetería-restaurante do edificio e resolver os seus problemas de accesibilidade. Trátase de executar dous cuartos de baño de uso exclusivo para os clientes do establecemento de hostalería que permitirán que estas dependencias funcionen independentemente do resto do Pazo.

A cafetería dispón de dous cuartos de baño unha planta máis abaixo aos que se accede só por escaleira, situación que incumpre a normativa de accesibilidade no tocante aos recintos hostaleiros. Ademais, tamén se sirve dos cuartos de baño do propio recinto cultural, polo que os clientes do bar teñen que atravesar unha parte da instalación para poder acceder a eles.

En situación de pandemia, o uso das instalacións do Pazo da Cultura están sometidas a un protocolo de continxencia Covid moi estrito o que impide o seu uso polos clientes da cafetería. Ademais, en moitas ocasións, deberán permanecer pechados a pesar de que o bar estea aberto.

Para resolver esta situación e dar máis independencia á cafetería, a Concellaría de Cultura acordou realizar unha obra menor valorada en 43.000 euros, para dotala de cuartos de baño independentes ao recinto cultural. Trátase de construír un engadido entre o cubo (de acceso á sala de exposicións) e a entrada principal do Pazo da Cultura, pegado ao muro de peche. Trátase dunha construción á que se terá acceso só dende a cafetería, que non desentoará coas construcións actuais e permitirá ao restaurante permanecer aberto aínda que o Pazo da Cultura non o estea.

Tamén cabe recordar que a concesión pública da cafetería do Pazo da Cultura caducou o pasado mes de decembro. A intención da Concellaría é acompasar a obra coa redacción dun novo prego de condicións para volver a sacar a concesión, que disporá mellores condicións de explotación.