Lores destaca o acordo coa Xunta na visita ás obras de reforma da estación de autobuses e da súa contorna

27

O proxecto, ao que o Concello achega máis dun millón de euros, permite reformar toda a contorna da estación e conectala coa avenida de Josefina Arruti cun acceso exclusivo para autobuses.

Lores resalta que o proxecto ten as características de alta calidade urbana do resto da cidade e destaca a posibilidade abrir un novo tramo do río Gafos. 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou esta mañá o acordo acadado coa Xunta de Galicia para a reforma da estación de autobuses no transcurso da visita ás obras xunto ao concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez. Resaltou que o momento máis importante desa obra foi “cando chegamos a acordo” e lembrou que “nós imos seguir loitando, goberne quen goberne, tanto no Estado como na Xunta, polos intereses de Pontevedra e facer dela unha referencia en calidade urbana, en servizos e en equipamentos”.

Na visita ás obras da estación, Fernández Lores lembrou que aquel acordo inicial “está permitindo recuperar o edificio que precisaba reformas urxentemente e a adaptación do entorno da estación de bus para conectar coa estación do tren”. Pero tamén sinalou que lle supoñen unha especial satisfacción certos aspectos como “destapar un tramo máis do río Gafos, conectar Josefina Arruti coa estación e eliminar todo o tráfico de autobuses que pasaba por diante da avenida da Estación e que vai ter acceso directo por Josefina Arruti o que mellorará a seguridade viaria e a comunicación dos autobuses e dos cidadáns”.

Tamén destacou Lores que o proxecto de reforma da estación e da súa contorna tivese en conta as achegas municipais “para que toda a zona tivese a calidade urbana acorde co modelo de Pontevedra: accesibilidade, tráfico calmado, calidade urbana” e adiantou que “imos seguir loitando, goberne quen goberne, tanto no Estado como na Xunta, polos intereses de Pontevedra e facer de Pontevedra unha referencia en calidade urbana, en servizos e en equipamentos”.

Achega municipal ao proxecto

A reforma da estación de autobuses e da súa contorna é unha reclamación histórica do Concello de Pontevedra para seguir estendendo a calidade urbana cara esa zona da cidade. Dado que se trata dun espazo de xestión autonómica, o Concello aprobou a sinatura dun convenio coa Xunta de Galicia para participar economicamente no seu financiamento.

A licitación dos dous proxectos da estación intermodal (reforma da estación e creación da praza e da ponte sobre o Gafos) tiña un custe de 6.14.206,62 euros, e o Concello tiña que facer unha achega do 42,68%, é dicir, 1.537.917,47 euros do total. 

Finalmente, logo das readaptacións económicas, o Concello fixo unha achega global de 1.029.388 euros, é dicir, 508.529,47 euros menos do previamente fixado.

A gran parte dos fondos xa están transferidos á Xunta de Galicia, e só quedarían pendentes 14.221.01 euros para este ano 2021.