Promoción Económica abre o prazo de inscrición para o curso de Operador de Carretillas Elevadoras

317
  • Todas aquelas persoas que queiran inscribirse poderán facelo a través do email administracion@proxectoiles.es e deberán achegar, entre outros datos, a antigüidade de desemprego
  • A actividade formativa ten carácter gratuíto e presencial, unha duración de 24 horas e estará destinado prioritariamente a desempregados empadroados no concello de Pontevedra

A Concellería de Promoción Económica acaba de abrir o prazo de inscrición do curso de Operador de Carretillas Elevadoras organizado polo Concello en colaboración co centro Ara Formación. A actividade formativa, que será de balde e terá carácter presencial, contará con 24 horas lectivas repartidas entre os días 19 e 24 de abril: de luns a venres, en horario de 09:30 a 13:00 horas (a parte teórica), e os sábados, de 08:00 a 15:00 horas (a parte práctica).

Tal e como explica a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “para inscribirse no curso, que está destinado prioritariamente a desempregados empadroados no concello de Pontevedra, será necesario enviar un correo electrónico ao enderezo administracion@proxectoiles.es, indicando no asunto ‘carretillas’ e proporcionando o seu nome e apelidos, dirección postal, número de teléfono, e-mail e tempo de antigüidade de desemprego”.

A formación contemplará contidos como a condución en baleiro e con carga; operacións de elevación; utilización de accesorios especiais para unidades de carga determinadas; cargas oscilantes ou con centro de gravidade variable; elevación de persoas; tipos de estantes e sistemas de almacenaxe; mantemento preventivo típico (rodas, niveis…); equipos de protección individual; estacionamento da máquina en aparcadoiro, ou procedementos a seguir no caso de situacións de risco, retención do operador… 

Dentro da parte práctica abordaranse as manobras sen carga, desprazamentos en ámbalas direccións, velocidades, xiros, freadas, utilización en rampas; manobras semellantes con carga; carga e descarga de camións, colocación e retirada de cargas en estantes, apiñado e retirada de cargas en superficie libre; manobras extraordinarias tales como cargas de dimensións ou características fora do habitual pola súa lonxitude e forma; ou o manexo dunha carga simultánea con dúas carretillas (estes contidos axústanse aos establecidos na Norma UNE 58451:2012, de Formación dos Operadores de Carretillas de Manutención ata 10.000 kg).

Cursos de Limpeza Hospitalaria e Aloxamentos Turísticos

No marco das accións formativas impulsadas pola Concellería de Promoción Económica e impartidas por Ara Formación, tamén se celebrarán uns cursos de Limpeza de Locais Comerciais e Limpeza Hospitalaria, con 50 horas de duración en modalidade presencial, durante os que se tratarán cuestións relativas á limpeza xeral; os sistemas de limpeza de mobiliario, servizos, paredes, habitacións, cristais…; os principais produtos químicos empregados e as medidas de seguridade e hixiene a ter en conta na súa manipulación; a limpeza das diferentes zonas dun hospital; a infección nosocomial (ou intrahospitalaria) e a súa prevención; os principios fundamentais da limpeza hospitalaria; a relación cos pacientes; os sistemas de desinfección hospitalaria; a recollida e eliminación dos residuos sanitarios; a lexislación sobre residuos sanitarios; o listado de enfermidades infecciosas, ou a prevención de riscos laborais na limpeza hospitalaria.

Asemade, desenvolverase un curso sobre Limpeza en Aloxamentos Turísticos (camareira/o de piso), cunha parte teórica que terá unha duración de 50 horas impartidas en modalidade presencial e que abordará ámbitos como as técnicas básicas de limpeza; as normas de seguridade, hixiene e saúde; a limpeza de mobiliario interior; o arranxo de habitacións e zonas comúns de aloxamentos; o aprovisionamento e organización do office; a organización dos produtos no carro; as operacións de desmontaxe e ventilación previas á limpeza; os protocolos de custodia e devolución dos obxectos esquecidos; a atención ao cliente na limpeza de pisos; o mantemento de habitacións e baños, e algunhas nocións básicas de trato ao cliente para hostalería en lingua inglesa.

Tanto estes últimos cursos, que se realizarán entre os meses de maio e xuño, como o de Operador de Carretillas Elevadoras, contan cun total de 45 prazas, repartidos nun máximo de 15 alumnos por acción formativa.