The Jayhawks e Os Amigos dos Músicos xuntos no gran concerto de Voices Verán

27
  • Pontevedra sitúase como a primeira cidade galega que recupera a proxección internacional na súa programación cultural
  • O concerto terá lugar o 10 de xullo na explanada do Pazo da Cultura e as entradas están dispoñibles en Ataquilla.com. 
  • As persoas que xa mercaran a entrada para o concerto adiado do ano pasado de The Jayhawks terán a opción de manter a mesma entrada ou de devolvela no caso de que non desexen asistir  

O ciclo Voices volve á programación cultural de Pontevedra e faino cun gran concerto de verán no que se darán cita a formación de Minessotta The Jayhawks e a de Ourense Os Amigos dos Músicos. A cita está programada para a tardiña do sábado 10 de xullo na explanada do Pazo da Cultura, recuperando o formato e o simbolismo do primeiro gran concerto a nivel galego despois do confinamento que tivera lugar o pasado ano da man de Guadi Galego e de Xabier Díaz.

Anunciárono esta mañá a concelleira de Cultura, Carme Fouces, e o productor musical, Carlos Montilla, que aproveitaron a presentación para lanzar unha mensaxe de “esperanza e valentía” de cara a de recuperar o pulso das programacións culturais que foron quedando adiadas no último ano. “Estamos comezando a a sentir a ledicia e a alegría de que, pouco a pouco, camiñamos cara a unha situación máis acaída como a que levabamos en Pontevedra ata antes do 2020 e imos desempolvando proxectos e poñendo a funcionar a maquinaria cultural, que nesta cidade é unha máquina bastante potente con maquinistas moi activos e moi activas” asegurou Carme Fouces. Pola súa banda, Carlos Montiña fixo fincapé en que se o gran concerto do ano pasado de Guadi Galego e Xabier Díaz “foi unha aposta valente e responsable, que foi como unha vitamina para o sector”, este ano “Pontevedra será pioneira na recuperación do panorama internacional na súa programación”.

Convén lembrar que o concerto de The Jayhawks xa fora programado para o ano pasado e quedara adiado por mor da pandemia, polo que a plataforma de venda de entradas Ataquilla.com remitirá un mail a todas as persoas que xa tiñan a entrada mercada informando das opcións para devolvela ou mantela. Para o concerto do ano pasado púxeránse á venda entradas a 24 euros e a 28 euros, pero o concerto deste ano terá unha única entrada a 24 euros polo que ás persoas que adquiriran entradas por 28 euros se lles devolverá a diferenza do importe. 

En canto a aforo e protolocos sanitarios e de seguridade, a concelleira informou que de partida se traballará coas medidas vixentes, isto é, aforo limitado coas distancias esixidas para persoas sentadas individualmente (ao redor de 600 prazas) pero que estas medidas e aforos se irán revisando segundo evolucione a situación sanitaria e os protocolos pertinentes. 

Sobre os grupos participantes, Carlos Montilla cualificou a The Jayhawks como “unha das bandas referenciais da música americana, con discos que xa son icónicos e parte da historia da música” ao tempo que explicou que o seu concerto de Pontevedra será unha ocasión privilexiada para escoitar en primicia o seu novo álbum ‘XOXO’ que saíu en plena pandemia, ao tempo que será a única data que teñen programada en todo o noroeste peninsular. Sobre Os Amigos dos Músicos salientou que emprega en todas as súas cancións a tradición oral e que “cantando en galego nos proxectan cara a fóra e a uns sons moi particulares e con moitas influencias de xéneros estadounidenses e trazas latinoamericanas”, polo que asegurou que a “combinación e a noite van ser perfectas”